O polígono industrial de Barro-Meis alcanzou a total ocupación das súas parcelas. Así o ven de anunciar este mércores o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, nun encontro co tecido empresarial.
López participou nun almorzo organizado por Foro Empresa Pontevedra e impartiu a conferencia titulada "Construíndo unha provincia extraordinaria", na que fixo balance dos proxectos estratéxicos en marcha e reflexionou sobre os retos futuros da provincia, destacando a colaboración entre administracións e empresas como clave para o progreso.
Durante a súa intervención, o presidente destacou o papel das empresas na dinamización da economía provincial.
"Entre unha idea e unha realidade sempre hai unha empresa polo medio", sinalou, subliñando a "máxima colaboración" da Deputación co sector empresarial.
O polígono de Barro-Meis, que cumpre vinte anos desde o inicio das obras, conta xa con 32 empresas repartidas nas súas 74 parcelas, tras a adxudicación das últimas catro.
Segundo López, este logro evidencia que a planificación do polígono foi un "acerto total" e que a colaboración entre o sector público e privado é a vía máis rápida para o desenvolvemento económico.
O presidente avanzou que a Deputación xa estuda a ampliación do recinto ante o continuo interese de novas empresas.

No encontro, López tamén fixo un chamamento ao Goberno central para resolver infraestruturas pendentes, como o paseo peonil entre Pontevedra e Marín, as inundacións na autovía de Marín, a transferencia da AP-9, a mellora da rede de estradas nacionais, a conexión ferroviaria con Porto e o impulso ao aeroporto de Peinador.
"Non imos consentir que a provincia de Pontevedra sexa marxinada polos intereses partidistas dun Goberno", advertiu.