Ao PP non lle gusta o #FóraBorbónsdeCuntis do concelleiro de Cultura

Umia
26 de maio 2016

Os populares lamentan as "desafortunadas" críticas do BNG e do concelleiro de Cultura sobre a visita do rei Juan Carlos a Cuntis. Na súa conta na rede social Instagram o edil nacionalista comentou o seu punto de vista sobre a visita co hashtag #FóraBorbónsdeCuntis. Para os representantes do Partido Popular, o concelleiro debería amosar máis respecto polas institucións

Publicación do concelleiro de cultura de Cuntis na súa conta persoal de Instagram Instagram

O Partido Popular de Cuntis lamentou as "desafortunadas" críticas que o BNG local e o seu concelleiro de Cultura, Enrique Portela, fixeron nas redes sociais tras a visita do rei emérito Juan Carlos a Cuntis.

Na súa conta en Instagram o edil nacionalista comentou o seu punto de vista sobre a visita co hashtag #FóraBorbónsdeCuntis

"Non é a primeira vez que ten saídas de ton nas redes sociais, pero non é xustificación para criticar esta visita, que é moi positiva, a unha factoría importante para Cuntis e que dá traballo a moitas persoas", sinalou o voceiro do PP, Antonio Pena.

Para o popular, o concelleiro debería amosar máis respecto polas institucións, máis cando representa a todos os veciños de Cuntis. "É moi pouco apropiado, debe velar polos intereses de Cuntis e dos seus veciños, e esta visita supón unha aposta por esta factoría e polo emprego no noso concello", manifestou o exalcalde.

Nesta liña, Antonio Pena lembrou que unha das cuestións que o maior accionista da firma abordou no encontro co monarca foi a posible ampliación da empresa de velas.

Ademais, sinala o voceiro, que "nunha nova ocasión" ponse de manifesto o "escaso entendemento" entre os socios do goberno de Cuntis, "mentres o PSOE sae na foto, nas redes sociais os nacionalistas a critican e botan fóra do concello ao monarca".