A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) asegura que o proxecto exposto para a dragaxe do río Lérez vai ser "pan para hoxe e fame para mañá".
Así o asegura nun escrito asinado polo seu presidente, Antón Masa, no que explica a posición do colectivo ecoloxista unha vez pechado o período de exposición pública do proxecto de dragaxe e tras participar nas alegacións presentadas.
Considera a APDR que dragar a canle de navegación do río Lérez é algo "necesario" ante a incidencia que a acumulación de sedimentos e lodos ten sobre os sectores produtivos e deportivos que desenvolven a súa actividade na ría de Pontevedra, pero cualifica os plans presentados por Xunta de Galicia a través de Portos de Galicia como "un parche".
"Lonxe de resolver o problema existente, rematará xerando novos problemas ambientais no río e nas rías de Pontevedra e Arousa e afectando aos sectores produtivos de ámbalas dúas rías", asegura a Asociación Pola Defensa da Ría.
Segundo o colectivo na actuación exposta non se abordan as causas que provocan a acumulación de sedimentos, polo que "máis pronto que tarde volverá á situación actual".
Ademais engade que limitar a zona a dragar "pode acelerar o proceso de acumulación" e critica que a recollida de mostras para coñecer o estado de toxicidade dos áridos é superficial, o que pode terminar provocando a contaminación de zonas próximas.
Por este motivo e dada a composición dos sedimentos acumulados, nas operacións de dragaxe e nas verteduras posteriores cre a APDR que se vai a orixinar unha "elevada dispersión e un forte impacto na calidade das augas".
Tamén se refire a Asociación Pola Defensa da Ría á zona proposta para verter os sedimentos, nas proximidades de Sálvora, cualificando esta elección como "inaceptábel" polos efectos que pode chegar a ter sobre os bancos marisqueiros da ría de Arousa.
Por todo iso defenden a necesidade de deixar en suspenso un proxecto de dragaxe que cualifican de "custoso e ineficaz".