A Xunta de Galicia expresou o seu rexeitamento aos actos vandálicos ocorridos esta fin de semana na illa de Ons, dirixidos ás instalacións da nova Estación de Tratamento de Augas Residuais (EDAR) que atenderá a veciños e visitantes.
Tras o suceso, a administración autonómica chama á responsabilidade e á colaboración cidadá para evitar que se repitan feitos similares.
A EDAR é unha infraestrutura hidráulica de última xeración e atópase en fase de probas desde finais de xullo.
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través da dirección do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, abrirá unha investigación para identificar ás persoas que arroxaron pedras e troncos desde un punto elevado da illa contra as instalacións.
Unha primeira inspección realizada polo persoal do parque determinou que a EDAR non sufriu danos estruturais e continúa funcionando con normalidade.
De todos os xeitos, técnicos especializados examinarán a depuradora durante este luns para identificar e cuantificar posibles danos.
A Xunta destaca o esforzo da administración pública por conservar os valores naturais, históricos e culturais deste espazo protexido, así como por mellorar a calidade de vida de quen habitan ou visitan o catro arquipélagos que compoñen o Parque Nacional.
Entre as accións encamiñadas a ese obxectivo atópanse as obras para optimizar o ciclo da auga nas Illas Atlánticas, destacando a construción da depuradora en Ons e a mellora das instalacións de subministración de auga potable na illa, cun investimento próximo a 1,4 millóns de euros.