Apenas dous postos de venda de palmas para o Domingo de Ramos

Pontevedra
11 de abril 2025
Actualizado: 17:10

Dous postos de palma branca e poliñas de oliveira pelexan hoxe fronte á Praza de Abastos por manter viva unha tradición que se vai perdendo na Boa Vila co paso dos anos

Postos de venda de palmas fronte ao Mercado
Postos de venda de palmas fronte ao Mercado / Pablo Ajuria / Brais Porto

Apenas dous postos instaláronse este venres fronte ao Mercado de Pontevedra para vender as palmas para este Domingo de Ramos.

Ese día lémbrase a entrada de Xesús en Xerusalén, cando a xente o recibiu axitando ramas de oliveira e palmas e gritando Hosanna. O significado relixioso da palma é o da vitoria, da lealdade, do triunfo. As ramas de oliveira son símbolo de paz.

Dous postos de palma branca e poliñas de oliveira pelexan hoxe fronte á Praza de Abastos por manter viva unha tradición que se vai perdendo na Boa Vila co paso dos anos.

Tempo atrás, ao paso da Borriquiña desde San Francisco, acudían miles de pontevedreses.

Os vendedores achacan este declive á perda de influencia da relixión, tamén apuntan que agora hai moitos menos nenos e mesmo sinalan que hai previsión de choiva para este domingo.

As palmas son pezas artesanais feitas a man a partir de brotes de palmeira que foron previamente recubertos para que non reciban luz solar, o que lles dá a súa característica cor amarela pálida.

A oferta vaise ampliando co tempo, ás palmas clásicas con rizados e trenzas artesanais súmanse outras de solapa, as decoradas con caramelos ou lazos, e algunhas tinguidas en cores rosa e azul.

Os vendedores explican que as palmas enteiras, máis grandes, lisas, adoitan ser para os mozos.

O produto máis demandado para saírlle ao paso á "borriquiña" segue sendo a punta, é dicir a palma lisa sen adornos.

En canto a prezos, mantéñense estables en relación con outros anos e oscilan entre os dous euros, as "de solapa" ou "de coche", e os 12 euros que poden chegar a alcanzar as puntas máis longas.

Tradicionalmente eran os padriños e madriñas quen regalaban a palma aos seus afillados o Domingo de Ramos cando van á misa. Agora son os avós quen compran.

Unha vez bendicida, a Igrexa católica animaba a que estas palmas ou ramos benditos permanecesen nos fogares polo resto do ano e ao chegar o seguinte mércores de cinza que leven aos templos para queimar as palmas secas e utilizar a cinza no inicio da seguinte coresma.