Aquelas persoas e os establecementos interesados en participar na Feira Franca 2026 con postos de hostalaría, mercado artesanal ou mediante a instalación de mesas para xantares e ceas nas rúas poden presentar xa as súas solicitudes desde este luns 15 de xuño e ata o mércores 15 de xullo, as dúas datas incluídas.
A recollida de peticións realízase a través de dúas vías como é habitual. Por unha parte, os interesados teñen á súa disposición a opción telemática na páxina web oficial da Feira Franca, onde se habilitaron os formularios de inscrición. Por outra, habilitouse a atención presencial na oficina específica do evento, situada na cuarta planta do Teatro Principal con acceso polo lateral do edificio.
Este novo espazo de xestión atópase operativo en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, e dispón tamén do teléfono 986 86 05 87 e do correo electrónico [email protected] para resolver as dúbidas dos usuarios.
A celebración desenvolverase os días 4 e 5 de setembro no centro histórico da cidade e arredores. O goberno local sinalou que os detalles concretos da programación de actividades e a temática histórica elixida para esta edición de 2026 se comunicarán en próximas datas.
A Feira Franca iniciou a súa andaina no ano 2000 co gallo de lembrar o privilexio que o rei Henrique IV outorgou á vila de Pontevedra no ano 1467. Este privilexio permitía organizar un mercado libre de impostos durante un mes.
Recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia desde o ano 2013, a cita conta de xeito habitual con propostas de animación como torneos medievais, mostras de cetraría, tiro con arco, esgrima e recreacións do transporte do viño que arrancan o venres pola tarde e continúan durante todo o sábado.
Para os xantares comunitarios nas prazas e rúas, a normativa municipal esixe o emprego exclusivo de materiais e ornamentos estéticos que se correspondan coa segunda metade do século XV.