A Feira Franca 2025 revalidou o éxito das edicións anteriores, confirmando, en palabras do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que "segue crecendo, pero de forma contida".
O alcalde fixo un balance positivo desta festa que el ve como unha "romaría urbana", na que tan só rexistráronse incidentes puntuais que non desluciron a celebración.
Fontes policiais confirmaron que recibiron avisos por varias pelexas, pero sinalan que todas quedaron en conatos e resolvéronse coa presenza das patrullas das policías Nacional e Local que integraban o dispositivo de seguridade do evento.
Ningún dos enfrontamentos foi grave e non houbo detidos, aínda que cinco persoas si foron identificadas, segundo confirma a Policía Nacional.
"Con miles de persoas é imposible que non exista ningún tipo de incidente, pero que non é salientable", indicou o alcalde, que tamén confirmou un atropelo cunha persoa ferida leve.
Rexistrouse sobre as 20.00 horas do sábado entre a Alameda e a Rúa Nova de Arriba e a Rúa Alameda. O condutor dun turismo que logo deu positivo en alcol atropelou a unha muller de 50 anos.
En canto ao balance da festa, Lores destacou que "a Feira Franca é un orgullo de todos os pontevedreses", en tanto segue crecendo, pero respecta os principios cos que naceu, recuperar a historia de Pontevedra e gozar.
A sociedade pontevedresa "participa activamente en todas as propostas que se fan", destacou Lores e, neste caso, "si non houbese participación practicamente unánime de toda a sociedade, non poderiamos facer unha festa que se diferencia doutras porque realmente está moi participada".
Chámaa "romaría urbana" pola participación de toda a familia e porque se implican e vístense de época pontevedreses e pontevedresas de todas as idades, tamén aqueles que viven fóra da cidade e "é unha data na que volven sempre á súa cidade".
É unha festa "de convivencia, familiar" e é, para o alcalde, "o éxito máis grande".