A Feira Franca é, desde os seus inicios, unha data marcada no calendario "para todo o que vive en Pontevedra e tamén para os que están fóra de Pontevedra".
Así o destacou este sábado o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, no seu habitual encontro cos xornalistas, na Praza de Ourense.
O éxito que cultivou sempre se debe, segundo Fernández Lores, a que "é unha festa que a xente sinte como súa" e que conectou "perfectamente" con toda a cidadanía.
"Eu estou orgulloso porque á xente de Pontevedra, cando se lle propoñen cousas para poder disfrutar e reunirse coa familia, apúntanse a todo", subliñou.
O alcalde destacou que a Feira Franca "segue mellorando sempre" con novas actividades e grazas ao "esforzo grande" que realizan os colectivos que participan na súa organización, pero recoñeceu que "non podemos estendela moito máis".
"Estamos ampliando o máximo posible", sinalou o rexedor pontevedrés, que entende que non se poderá ir moito máis alá para non causar problemas de seguridade nesta "romaría urbana", na que pediu que a xente goce "sen pasarse".
A este respecto, Lores sostivo que a maior preocupación do goberno municipal é "non morrer de éxito" ou que se produzan comportamentos "que non teñen nada que ver coa festa e coa idea inicial", a de recuperar o ambiente da Pontevedra medieval.
A Feira Franca, reiterou Miguel Anxo Fernández Lores, "é unha festa de convivencia, de respecto pola historia e de respecto pola cidade" á que lle augura un bo futuro porque "cada ano se incorpora xente nova".
O alcalde gozou das primeiras horas da Feira Franca, antes de ir a comer coa familia, acompañado de varios dos concelleiros do grupo de goberno, entre eles Demetrio Gómez, Eva Vilaverde, Anabel Gulías, Xaquín Moreda e Alberto Oubiña, ou a senadora Carme da Silva.
Non foron os únicos representantes municipais que non quixeron perderse esta festa medieval e edís do PP como Martín Martínez, Juanma Muñoz, Raquel Martínez ou Silvia Crespo; ou socialistas como Manuel Fariña, Paloma Castro e Marica Adrio, deixáronse ver polas rúas.

