Un apicultor de Borela, mentor de novos agricultores para romper a brecha xeneracional no campo

Cerdedo Cotobade
25 de febreiro 2025
Actualizado: 8:36

A súa explotación acollerá unha segunda estancia formativa en marzo, coa participación de tres mozos de Cantabria, Cuenca e A Rioxa propietarios de explotacións apícolas e cerealistas

Estancia formativa de mozos agricultores en Borela
Estancia formativa de mozos agricultores en Borela / Subdelegación do Goberno

Dous mozos procedentes de Asturias e León pasarán o próximos cinco días na Cova da Abella, unha explotación de Borela (Cerdedo-Cotobade) dirixida polo apicultor Xesús Graña.

Esta estancia forma parte do Programa Cultiva, financiada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Busca que mozos -de entre 18 e 41 anos- recentemente incorporados á profesión agraria poidan mellorar a xestión técnica e económica das súas leiras.

Fano mediante a súa visita a explotacións modelo como esta de Cerdedo-Cotobade, creada en 2019 nunha leira familiar bañada polo río Almofrei e que conta cunhas duascentas colmeas.

Durante a estancia, Xesús compartirá a súa experiencia e coñecemento sobre a súa actividade dunha forma moi práctica, xa que os dous mozos participantes, Sergio Martínez e Gloria Suárez, acompañarano ao redor dos seus apiarios, onde as abellas xa están co ciclo produtivo.

A abundante diversidade e vexetación destas zonas dan un mel de milflores procedente dunha gran variedade de néctares como zarza, brezo, castiñeiro, eucalipto, flores de pasto e ribeiras ou froiteiras, un mel moi representativo destas zonas.

A experiencia compleméntase co coñecemento e visita á explotación de shiitake do propio Xesús, que conta con 400 troncos de carballo dedicados ao cultivo de cogomelo shiitake ecolóxica, Shiitake da Cova.

Mediante un método ancestral de orixe xaponesa, a madeira desta árbore é utilizada para inocular o fungo, producindo cogomelos de alto valor nutricional e gastronómico que se comercializan en fresco como produto gourmet e de proximidade.

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, acompañou este luns aos participantes nesta iniciativa e agradeceu a Xesús Graña o seu compromiso coa iniciativa.

"O agro galego, e en concreto, o da nosa provincia, está á cabeza da innovación, apostando pola sustentabilidade, a transformación e polo desenvolvemento do sector e garantindo un futuro máis competitivo e eficiente para as nosas explotacións agrarias", destacou Losada.

Esta explotación acollerá unha segunda estancia formativa en marzo, coa participación de tres mozos de Cantabria, Cuenca e A Rioxa propietarios de explotacións apícolas e cerealistas que diversifican con viñedos, oliveiras e o cultivo de plantas aromáticas e medicinais.