"Aplatanado", estudantes de Publicidade chegan á final de Efecto Mil

Pontevedra
04 de maio 2026

Este concurso, dirixido a mozos de entre 16 e 25 anos, busca fomentar unha mirada crítica sobre o uso das redes sociais e reuniu na súa quinta edición máis de 900 participantes

Fernando David Bautista i Estíbaliz Bárcena
Fernando David Bautista i Estíbaliz Bárcena / Universidade de Vigo

O vídeo #Noteaplatanes, creado polos estudantes da Facultade de Comunicación Estíbaliz Bárcena e Fernando David Bautista, logrou situarse entre os finalistas do certame Efecto Mil, unha iniciativa impulsada pola Fundación Atresmedia en colaboración coa Fundación Telefónica.

Este concurso, dirixido a mozos de entre 16 e 25 anos, busca fomentar unha mirada crítica sobre o uso das redes sociais e reuniu na súa quinta edición máis de 900 participantes.

A proposta de Bárcena e Bautista xurdiu no marco da materia de Produción publicitaria na web e multimedia, e céntrase nun dos problemas máis presentes no día a día como é a adicción ás redes sociais.

Cun formato breve pensado para a difusión dixital, a peza foi escollida entre as 15 mellores, o que lles abriu as portas a un programa formativo especializado ofrecido por profesionais do grupo Atresmedia.

Os autores explican que decidiron abordar esta temática pola súa presenza constante na vida cotiá. A dependencia das plataformas dixitais, sinalan, está a modificar as formas de relación e a maneira na que as persoas buscan estímulos inmediatos.

A partir desta idea, construíron unha mensaxe creativa arredor do concepto de "estar aplatanado", empregándoo como metáfora dos efectos dun uso excesivo do móbil e das redes sociais. O vídeo amosa así a rutina dun mozo condicionado pola súa conexión permanente ao teléfono.

O concurso convidaba precisamente a reflexionar sobre riscos dixitais como o ciberacoso, os discursos de odio, os retos virais perigosos ou a desinformación, sempre a través de vídeos de ata un minuto.

A selección como finalistas non só recoñece o seu talento, senón que tamén lles permite perfeccionar o proxecto. Durante as vindeiras semanas, participarán nun proceso formativo que inclúe sesións sobre creatividade, guión, márketing de contidos ou ciberseguridade, ademais de titorías personalizadas para mellorar a súa peza.

O obxectivo final é reeditar o vídeo e aumentar o seu alcance nas redes sociais.

E é que a fase decisiva do concurso dependerá, en boa medida, da capacidade de cada proposta para conectar co público e acadar difusión. O equipo gañador recibirá un lote tecnolóxico valorado en 3.000 euros e formación en habilidades comunicativas, mentres que outro proxecto obterá unha mención especial da Fundación Telefónica.

Mentres tanto, #Noteaplatanes continúa o seu camiño cara á viralización cunha mensaxe que reflexiona sobre o abuso que facemos das redes sociais.