O Congreso deu luz verde á proposta de construír unha nova comisaría en Pontevedra e á creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) na cidade do Lérez.
Esta decisión parte da demanda para mellorar a infraestrutura policial e reforzar a seguridade na zona norte da provincia, incluíndo municipios como Marín e Vilagarcía.
A deputada do Partido Popular Irene Garrido presentou a iniciativa na comisión de Interior do Congreso e destacou a necesidade destas medidas para solucionar as carencias actuais do edificio onde se atopa a Comisaría Provincial da Policía Nacional en Pontevedra, situado en Joaquín Costa.
Entre outras cuestións, denunciou a falta de vestiarios axeitados para os axentes e a insuficiencia de espazo nas dependencias, o que afecta a privacidade dos cidadáns durante a atención de denuncias.
Ademais, a idea de establecer unha UPR en Pontevedra permitiría realizar controis máis efectivos e contribuír á loita contra o crime organizado e o tráfico de drogas.
Actualmente, esta Unidade atópase só en Vigo dentro da provincia e vese obrigada a desprazarse a outros puntos do Estado. En concreto, este Nadal será enviada a Alxeciras.
A iniciativa, impulsada polos populares, subliña a importancia de dotar a Pontevedra de recursos similares aos doutras cidades, asegurando un servizo policial adaptado ás necesidades das Rías Baixas.
O representante do grupo socialista, Víctor Ruíz de Diego, indicou que se están a dar os pasos para a creación da nova comisaría e sinalou que o Goberno pedíu información urbanística ao Concello de Pontevedra para estudar o traslado á Casa do Mar de Mollavao.