Apoio do Concello aos veciños de Ponte Sampaio, reclamando ao Sergas médico no consultorio "durante todo o ano"

Pontevedra
19 de agosto 2023

A indignación dos veciños de Ponte Sampaio por levar todo o mes de agosto sen atención médica no seu consultorio, trasladada a PontevedraViva, recibiu este sábado o respaldo do Concello de Pontevedra, que asegura que non permitirá que se peche o centro médico "tal e como o Sergas tratou de facer durante a pandemia"

Un grupo de veciños de Ponte Sampaio protestan indignados pola falta de médico
Un grupo de veciños de Ponte Sampaio protestan indignados pola falta de médico / Mónica Patxot

A indignación dos veciños de Ponte Sampaio por levar todo o mes de agosto sen atención médica no seu consultorio, trasladada a PontevedraViva, recibiu este sábado o respaldo do Concello de Pontevedra.

A través dun comunicado o gobiermo municipal solidarízase con eles instando ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a "substituír á médica que consulta durante todo o ano cando se produzan as súas baixas, días libres ou vacacións, como é neste caso, xa que esta decisión do Sergas obriga aos pacientes a trasladarse a Pontevedra para case todas as xestións médicas".

Asegura o Concello que a atención médica en Ponte Sampaio vén sendo deficitaria os últimos anos durante o verán, pero ata o de agora non se deu o caso de non relevar á facultativa titular do consultorio como agora está a suceder.

"Esta situación permite afirmar que o Sergas considera os veciños de Ponte Sampaio de segunda", defenden desde o goberno local.

Ademais a administración municipal afirma que non consentirá que o Servizo Galego de Saúde acabe pechando o consultorio "tal e como tratou de facer durante a pandemia, cando retirou a atención médica do centro e obrigou a toda a veciñanza a desprazarse a Pontevedra".