Apoio do goberno local de Pontevedra ao persoal da CRTVG, que este luns se atopa en folga

Pontevedra
06 de marzo 2023
Actualizado: 19:41

O persoal da Radio e da Televisión de Galicia secunda este luns 6 de marzo unha folga de 24 horas para reclamar o cesamento dos "abusos" e restablecer un clima laboral respectuoso cos dereitos. Anabel Gulías, portavoz municipal do goberno de Pontevedra, considera "intolerable" que un medio público manteña estas presións "propias doutra época" e demanda a reapertura da delegación da CRTVG en Pontevedra 

Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra, coa camiseta de 'Defende a Galega'
Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra, coa camiseta de 'Defende a Galega' / Concello de Pontevedra

Este luns 6 de marzo, o persoal da CRTVG (Corporación de Radio Televisión de Galicia) protagoniza unha folga de 24 horas para reclamar o cesamento dos "abusos" e coa intención de restablecer un clima laboral que sexa respectuoso cos dereitos das persoas que traballan no ente público. 

O persoal, que leva realizando xornadas de protesta durante os "Venres Negros", iniciadas en 2018, denuncia o incumpliento de aspectos básicos da Lei galega de medios públicos por parte da dirección da entidade e alertan de manipulación informativa, precariedade, marxinación profesional e desmantelamento da estrutura de produción propia, segundo indican os convocantes deste paro.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, vestíase unha camiseta de protesta co lema "Defende a Galega", do mesmo xeito que a portavoz do goberno local, Anabel Gulías, que mostrou o apoio do Concello de Pontevedra a traballadores e traballadoras da CRTVG. 

"Sabemos das presiónas ás que son sometidas estas profesionais e consideramos que un medio público teña que estar soportando este tipo de cuestións propias doutra época", afirmou Gulías. 

A continuación, a representante municipal aproveitou para "seguir reclamando que se volva abrir a delegación que a CRTVG tiña en Pontevedra", delegación que foi pechada en 2010, e reclamou á Xunta de Galicia que deixe de "ningunear" a Pontevedra. Alegou que o municipio ten moito que comunicar e necesidades comunicativas que deben ser prestadas a través deste medio público "mais que lle son privadas aos espectadores". 

Por último, reclamou á CRTVG unha información "máis próxima, máis acaída e máis eficaz", manifestou Anabel Gulías. 

Tamén Iván Puentes, portavoz municipal do PSOE, tamén amosou o apoio da súa agrupación ao persoal da empresa pública a través da rede social TikTok.