Aprobada a ampliación do espazo para terrazas en Poio

Poio
20 de maio 2020

A Xunta de Goberno do Concello de Poio aprobaba este mércores esta medida consensuada con profesionais do sector da hostalería e restauración. Permanecerá vixente, de forma temporal e excepcional, mentres non conclúa o proceso de desescalada

Terraza dun restaurante en Combarro
Terraza dun restaurante en Combarro / Juan Mejuto

Este mércores aprobábase por parte da Xunta de Goberno o documento que permitirá a ampliación do espazo para terrazas de establecementos hostaleiros e de restauración.

Estas medidas excepcionais e de carácter temporal analizáronse previamente con profesionais do sector. A duración desta ampliación será mentres se manteña o estado de alarma e continúe o proceso de desescalada.

Durante este proceso, polo momento, só se permite a utilización do 50%  destas instalacións exteriores, coa obrigatoriedade de respectar a distancia de dous metros entre as persoas que ocupan as mesas. Só se autorizan grupos cun máximo de 10 persoas, que deberán manter distancia entre elas.

A instancia pódese descargar da páxina web do Concello de Poio ou solicitala a través do rexistro municipal. Os establecementos están obrigados a informar da ocupación que realizan, ademais de achegar unha declaración responsable e fotografías ou planos indicando os espazos nos que se situarán as mesas e cadeiras.

A Policía Local e os departamentos de Urbanismo e Apertura de Actividades analizarán as propostas para informar sobre a viabilidade das solicitudes.

Esta ampliación é gratuíta para os empresarios ata que conclúan as actuais condicións de restrición de actividades. Os locais poderán solicitar a ampliación da terraza por unha superficie que permita a distancia de seguridade entre mesas ou a agrupación, ata un límite que non supere o número que establece o seu aforo. 

Tamén se autoriza de maneira temporal a ocupación de zonas de dominio público que dea a fachadas doutros edificios non comerciais, respectando sempre os accesos e as distancias de seguridade. Tamén se poderán ocupar parques, prazas e xardíns, garantindo o tránsito de peóns e de vehículos. En canto a espazos privados poderanse utilizar xardíns, hortas ou patios interiores.

Non se permitirá o uso de aparellos reprodutores de imaxe ou son nas terrazas, nin o peche de solo público. Autorízanse as antucas de cor neutras e biombos  separadoras transparentes, sen que utilicen ancoraxes nin publicidade.

MEDIDAS DE HIXIENE

En relación ás medidas de hixiene, o documento establece que se procederá á limpeza e desinfección das mesas e cadeiras entre un cliente e outro. Preferiblemente utilizaranse manteis dun só uso. Poñerase ao dispor do público dispensadores de xel hidroalcohólico e eliminaranse os produtos de autoservizo como palilleiros, servilleteiros, aceiteiros e outros elementos similares.

As tarefas de limpeza e desinfección teranse que realizar, como mínimo, seis veces ao día. Os aseos non poderán ser ocupados por dous ou máis persoas ao mesmo tempo. Recoméndase non utilizar cartas cos menús e recoméndase o uso de lousas, carteis ou dispositivos electrónicos.

En relación co persoal estableceranse quendas que garantan o cumprimento das distancias de seguridade.

SOCORRISTAS

A Xunta de Goberno tamén aprobou as bases para contratación de persoal para a prevención e vixilancia de incendios forestais no municipio.

Tamén se decidiu a contratación de seis socorristas que, como nos últimos veráns, realizarán servizos nas praias de  Cabeceira, en Lourido e en Xiorto, na parroquia de Raxó.