Aprobada a compra do vehículo ao que Mosquera evita chamar 'multamóbil'

Pontevedra
18 de outubro 2013

Antes de finais de 2013, polas rúas de Pontevedra circulará o vehículo que servirá aos axentes da Policía Municipal para controlar as zonas de carga e descarga e as irregularidades nos aparcadoiros

Un Toyota Aygo adaptado será o que vixíe as rúas de Pontevedra
Un Toyota Aygo adaptado será o que vixíe as rúas de Pontevedra / Wikipedia
César Mosquera explica que o vehículo que vixiará as rúas non é un "multamóbil" /

A xunta de goberno de Pontevedra aprobou a adquisición dun Toyota Aygo, o vehículo que se encargará de controlar aqueles turismos que se encontren mal estacionados. Así o anunciaba o concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, que culpaba o Partido Popular de denominar ao vehículo como 'multamóvil'.

Segundo expón o edil, este vehículo tén como obxectivo "tentar dotar á Policía Local dos medios máis modernos para poder facer o traballo con obxectividade". Neste sentido, Mosquera indicou que agora se poderá determinar se un coche leva estacionado 20 minutos ou unha hora nun espazo de carga e descarga e esa "máxima obxectividade" permitirá establecer a gravidade da infracción.

Mosquera prefire denominar a este vehículo como "ollomóbil" ou "radarmóbil" porque, segundo dixo, non multa senón que circula, grava e localiza por GPS en que situación se encontra cada automóbil e, desta forma, se rexistra unha proba do tempo que os coches se encontren mal aparcados nun punto. E di que este sistema non é comparable co que vén funcionando noutras cidades como Vigo.

O custo da súa adquisición ascende a 53.000 euros, entre o prezo do coche e o equipamento necesario para realizar a vixilancia. E, segundo expuxo, antes de finais de ano circulará polas rúas de Pontevedra. Mosquera apuntou que, no prazo dun ano se se comproba a súa eficacia, poderíase ampliar a frota deste tipo de vehículos.

POUCAS MULTAS

Segundo apuntaba o concelleiro, ao longo de 2012, os axentes da Policía Local puxeron 42 multas diarias por infraccións de tráfico e só 18 teñen como destinatarios a cidadáns de Pontevedra. César Mosquera indicou que, dende que se anunciou publicamente que se ía adquirir o 'multamóvil' reducíronse as infraccións e engadiu que de máis de 100.000 vehículos que entran en Pontevedra só 0,03 son sancionados.

Con estes datos, Mosquera quere contrarrestar as críticas da oposición que afirman que a única finalidade da adquisición deste vehículo é recadatoria. E sinalou que"non queremos sancionar. Hai máis vías presionadoras para que se cumpran as normas que sancionadoras. Andamos na terceira parte na ratio de multas en comparación con outras cidades".

Arquivado en