Aprobada unha modificación de orzamento para garantir a continuidade da obra do porto de Raxó

Poio
30 de maio 2024

O Concello de Poio celebrou este mércores o pleno ordinario do mes de maio, sesión na que se aprobou de xeito definitivo e por unanimidade a Conta Xeral do ano 2023

Porto e núcleo de vivendas en Raxó (Poio)
Porto e núcleo de vivendas en Raxó (Poio) / Mónica Patxot

O Concello de Poio celebrou este mércores o pleno ordinario do mes de maio, sesión na que se aprobou de xeito definitivo e por unanimidade a Conta Xeral do ano 2023. 

Ademais, no inicio, o alcalde Ángel Moldes deu lectura a unha declaración institucional en apoio ao colectivo de persoas con ELA, na que o concello comprométese, entre outras cuestións, a poñer a disposición dos enfermos o asesoramento técnico dos Servizos Sociais municipais á hora de tramitar todas aquelas axudas ou prestacións establecidas para a mellora da súa calidade de vida e das súas familias ou a colaborar coa asociación AGAELA, naquelas accións que esta asociación leve a cabo para dar visibilidade e concienciar sobre a realidade desta patoloxía. 

Na sesión tamén se aprobou unha modificación de orzamento por importe de 38.616,54 euros para facer fronte a unha mellora no proxecto de humanización das obras do porto de Raxó e atender así novas necesidades xurdidas durante o desenvolvemento das actuacións. 

Esta cantidade supón o 30% do importe, que é a aportación municipal que está recollida no primeiro convenio asinado con Portos de Galicia, que "a pesar de que a modificación se fai para dar resposta a servizos municipais, conséguese que asuma o 70% da cantidade".

O PSdeG-PSOE advertiu ao alcalde de que aceptar a modificación do proxecto, no que se responsabiliza ao Concello de que a altura libre entre o viario e a cota superior da praia pegada ao muro non pase dos 55 centímetros, é "unha temeridade", xa que "é imposible garantir algo así debido á acción das mareas"

Para facer fronte a este gasto, utilizaranse 15.989,44 euros correspondente a outras infraestruturas e transferencias de capital. O resto realizarase con cargo a baixas en diferentes aplicacións, a maior parte proxectos que xa se executaron e nos que sobrou crédito e, ademais, inclúense 7.438,43 euros que se tomarán "prestados " do proxecto para a cubrición de pistas de Monte Baldío. 

Segundo sinalou o alcalde, xa se explicou aos colectivos de Raxó de que esta decisión tómase pola urxencia que ten aprobar esta modificación do proxecto e garantir o remate das obras de acceso ao porto coa maior brevidade.