Aprobado en pleno o estudo para favorecer a circulación de camións cara o futuro centro loxístico de Froiz

Barro
27 de maio 2021

O Concello de Barro aprobaba este mércores a tramitación do Estudo de detalle para que a empresa de supermercados Froiz poida continuar coa implantación da súa central loxística na localidade. Na sesión plenaria tamén se aprobaron as bases para as axudas aos sectores afectados pola crise sanitaria 

Edificio do Concello de Barro
Edificio do Concello de Barro / Concello de Barro

A corporación municipal de Barro aprobaba no pleno celebrado durante a noite deste mércores a tramitación da solicitude para elaborar un Estudo de detalle presentado pola empresa Distribuciones Froiz para continuar coa construción do seu central loxística no Polígono de Outeda-Curro.

Este estudo céntrase en favorecer a circulación dos camións e facilitar as manobras de carga e descarga destes vehículos axustando as aliñacións da futura construción no polígono empresarial.

Ademais, na sesión plenaria, aprobábanse as bases para as axudas aos sectores máis afectados pola crise sanitaria e que se viron na obriga de pechar as súas portas debido ás medidas adoptadas polas distintas administracións. As axudas serán de 600 euros por establecemento e irán destinadas a aquelas entidades que careceron de actividade durante un mínimo de dous meses. O Concello de Barro destinará 25.000 euros, o 1% do seu orzamento, a estas axudas que se completan con 10.700 que achegará a Deputación de Pontevedra. As bases foron aprobadas cos seis votos a favor do BNG e un do PSOE, mentres que o PP votou en contra.

Tamén se aprobou a alegación á exposición ao público do proxecto sectorial para a construción do Parque eólico Acibal. Este proxecto contempla construír catro aeroxeradores no monte Acibal. A alegación do pleno establécese sobre os danos e prexuízos que este Parque eólico podería ocasionar na natureza se finalmente autorízase a construción, a pesar de que a localización destes elementos sería no Concello de Moraña, no punto límite co municipio de Barro.

Segundo alegan desde o Concello, o proxecto de execución estuda actuacións en vías de Barro modificando e ampliando o seu trazado. Estas obras poderían afectar, segundo o goberno, ao principal punto de captación de auga para a rede de abastecemento público, ao proceder dunha balsa situada na parte alta do monte Acibal.

O acceso ao Parque sería a través da N-550 mediante vías locais. Segundo o goberno local nin a vía que atravesa o núcleo de Santo Antoniño nin o que percorre por chan rústico ata Moraña están pensados para a circulación deste tipo de vehículos. Tamén se alega que os planos achegados ao Concello están incompletos.

Os aeroxeradores previstos no proxecto contan con máis de 100 metros de altura. A súa construción, segundo entende o goberno municipal, afectaría a paisaxe nun monte emblemático. A alegación foi apoiada polo BNG e polo PSOE, mentres que o PP votou en contra