Aprobado o proxecto para crear dous aparcadoiros disuasorios para fomentar o vehículo compartido no Salnés

O Salnés
16 de febreiro 2023

O investimento previsto pola Xunta de Galicia ascende a máis dun millón de euros. Vai construirse un estacionamento de 59 prazas na glorieta que conecta a V.G-4.3 coa N-640 en Vilagarcía de Arousa e outro, con 77 prazas, nas proximidades da rotonda entre a autovía do Salnés (AG-41) e a VG-4 no municipio de Ribadumia

Proxecto do aparcadoiro disuasorio previsto en Barrantes, Ribadumia
Proxecto do aparcadoiro disuasorio previsto en Barrantes, Ribadumia

Este xoves aprobábase polo Consello de la Xunta o proxecto de trazado para a execución de dous aparcamentos disuasorios para o fomento do vehículo compartido na comarca do Salnés. O investimento previsto ascende a máis dun millón de euros.

Estes espazos serán creados nos municipios de Vilagarcía de Arousa e de Ribadumia cun total de 136 prazas novas de estacionamento. 

O primeiro dos proxecto establecerase nas inmediacións da glorieta da vía de alta capacidade entre Cambados e Vilagarcía (VG-4.3) que se une á N-640, no lugar de Coruxo, dentro do municipio de Vilagarcía de Arousa. Contará con 59 prazas, nove delas serán en liña e o resto en batería. Do total, dúas serán reservadas para vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida.

Este novo aparcamento terá unha superficie de 1.950 metros cadrados, situado nun recheo xa existente, e dispoñerá dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para o paso peonil. Tamén contará con carrís de circulación de sentido único. Para o acceso ao aparcamento será necesario acondicionar a vía de acceso actual, indica a Xunta.

O segundo aparcadoiro aprobado situarase na contorna da rotonda entre a autovía do Salnés (AG-41) e a VG-4, no núcleo de Barrantes, no concello de Ribadumia. Presentará unha superficie de 2.815 metros cadrados nun espazo adxacente á estrada provincial EP-9405 e atoparase bordeada pola gabia de San Martiño, onde actualmente xa se estacionan vehículos. A capacidade será de 77 prazas, todas en batería, con dúas reservadas para mobilidade reducida. 

A Xunta contempla o acondicionamento do vial de acceso existente co reforzo do firme en todo o ancho da plataforma. Elevarase o paso de peóns actual e executarase un paso de peóns novo. Ademais, dispoñerá de 80 metros de varanda para protexer a caída ao leito do río San Martiño e 52 metros de valado para illar o predio lindeiro.

O seguinte paso será a expropiación de propiedades necesarias. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento das actas previas no segundo trimestre deste 2023. A licitación destas dúas obras será independente e prevese que poidan executarse na primeira quincena de marzo para que se inicien os traballos despois do verán de 2024. O prazo de execución é de cinco meses

Con estas dúas novas intervencións, a administración autonómica quere fomentar o uso compartido de vehículos, que neste caso centraríase en favorecer as viaxes entre a zona do Salnés e as áreas de Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela. Desta forma, o goberno galego quere contribuír a implantar zonas de baixas emisións nestas cidades.

O proxecto englóbase dentro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE para transformar a mobilidade nas contornas urbanas.

CANCELADO O PROXECTO DE CALDAS DE REIS

En novembro de 2022, o departamento de Infraestruturas da Xunta tamén someteu a información pública, ademais destas dúas actuacións, un terceiro proxecto para crear un terceiro aparcamento na estrada autonómica PO-305, preto de Saiar, no municipio de Caldas de Reis.

O proxecto cancelouse porque un particular presentou unha alegación en que facía referencia a uns dereitos previos por estar en tramitación a construción dunha gasolineira sobre o terreo en que estaba previsto o aparcamento disuasorio.