O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto de trazado para a execución dun aparcadoiro disuasorio na estrada autonómica PO-546, en Pontevedra, que suporá un investimento que roldará os 500.000 euros.
A Xunta coordinou o deseño deste aparcadoiro disuasorio coa redacción do proxecto de transformación integral da PO-546, a estrada vella entre Marín e Pontevedra, permitindo a coordinación de ambas as dúas intervencións.
Debido á envergadura do aparcadoiro, singularizouse o seu proxecto, que se someteu a información pública simultaneamente ao proxecto global da PO-546, para unha mellor comprensión do conxunto da actuación.
Así, o Goberno galego impulsa un novo aparcadoiro asociado á implantación de zonas de baixas emisións e ao fomento dunha mobilidade sostible nas cidades galegas nesta vía que une Pontevedra e Marín. O novo aparcadoiro localizarase entre a vía de acceso ao Pazo de Lourizán e a intersección da estrada de conexión da PO-546 co núcleo do Rozo.
Contará cunha superficie total de 2.465 metros cadrados, que permitirá habilitar un total de 71 prazas de estacionamento en batería. Dúas desas prazas reservaranse para persoas con mobilidade reducida.
A actuación compleméntase coa dotación de alumeado público, videovixilancia, preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos e a incorporación de vexetación na contorna.
O aparcadoiro terá un deseño lineal de única dirección e sentido, paralelo ao viario adxacente, dispoñendo de xiros unicamente nos puntos de conexión coa estrada PO-546.
A aprobación definitiva do proxecto de trazado desta nova actuación do Executivo autonómico implica a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta intervención.
A localización deste aparcadoiro disuasorio considerouse idónea ao atoparse nesta vía principal de comunicación entre Pontevedra e o resto da comarca do Morrazo, facendo as funcións, tanto de carpooling como vinculado ao transporte público.
Na contorna dos 300 metros do aparcadoiro existen 4 paradas de autobús que comunican Pontevedra cidade coa comarca do Morrazo, convertendo o emprazamento nun lugar de intercambio modal.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento das actas previas das expropiacións necesarias para a execución dos traballos no segundo trimestre deste ano. A licitación das obras prevese realizar no mes de marzo, para poder comezalas tras o verán. O prazo de execución é de 12 meses.
Estas actuacións forman parte dos proxectos impulsados pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation.