O aparcamento disuasorio en Lourizán e o tramo de Marín, próximos pasos na humanización da PO-546

Pontevedra
30 de marzo 2023

A Xunta de Galicia licitou este xoves as primeiras actuacións que se enmarcan na segunda fase da humanización da PO-546, a vella estrada entre Pontevedra e Marín. Os traballos comezarán co aparcamento disuasorio previsto en Lourizán e a reforma do tramo de Marín

PO-546, estrada entre Pontevedra e Marín
PO-546, estrada entre Pontevedra e Marín / PontevedraViva

A Xunta de Galicia licitou este xoves as primeiras actuacións que se enmarcan na segunda fase da humanización da PO-546, a vella estrada entre Pontevedra e Marín. Os traballos comezarán co aparcamento disuasorio previsto en Lourizán e a reforma do tramo de Marín.

Ambos proxectos teñen un importe global de 1,5 millóns de euros. As empresas interesadas en executalos poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 26 de abril.

A maior parte deste investimento, ata 1,1 millóns, será para actuar no trazado da PO-546 polo termo municipal de Marín, segundo explica a Xunta de Galicia.

Así, humanizaranse 129 metros da rúa Concepción Arenal, entre as rúas da Estrada e da Roda; 360 metros da rúa Concepción Arenal, entre a rúa da Estrada e a rotonda das Áncoras; e 204 metros da rúa da Ponte, é dicir, en toda a súa lonxitude.

Os traballos consistirán na execución de beirarrúas cun mínimo de dous metros de ancho, no fresado e reposición de firmes e na execución de pasos de peóns sobreelevados, nos que haberá vaos peonís con pavimento podotáctil para facilitar a accesibilidade.

A actuación tamén inclúe a disposición de novo alumeado e a reposición da sinalización e balizamento, así como a colocación de novos sumidoiros e a reposición dos servizos afectados.

No aparcamento, que estará entre a vía de acceso ao Pazo de Lourizán e a intersección da estrada de conexión da PO-546 co núcleo do Rozo, investiranse preto de 350.000 euros.

Terá unha superficie total de 2.465 metros cadrados, o  que permitirá habilitar un total de 71 prazas de estacionamento en batería. Dúas delas estarán reservadas para persoas con mobilidade reducida, segundo costa no proxecto licitado.

A situación deste aparcadoiro disuasorio considerouse idónea ao atoparse nesta vía principal de comunicación entre Pontevedra e o resto da comarca do Morrazo, facendo as funcións, tanto de carpooling, como vinculado ao transporte público.

Na contorna dos 300 metros do aparcadoiro existen catro paradas de autobús que comunican a cidade de Pontevedra con Marín, convertendo o emprazamento nun lugar de intercambio modal.