Oito municipios da provincia recibirán preto de dous millóns de euros a través da liña 1 do Plan Concellos que este venres aprobaba a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, anunciaba que estes recursos destinaranse aos concellos de Silleda, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Meis, Sanxenxo, Bueu, Tomiño e Oia para acometer obras que mellorarán viais, mobilidade peonil e ciclista, ademais de destinarse a saneamento e a adquisición de terreos para crear aparcamento, entre outros proxectos.
196.000 euros destinaranse a Caldas de Reis para o saneamento de residuais no lugar de Paraimas, na parroquia de Saiar. Campo Lameiro recibirá 165.000 euros para rehabilitar os camiños de Lamosa, Castro de Orto, Conla, Agrelo e Fontenla.
En Meis a achega chegará aos 102.000 euros para pavimentar camiños municipais tanto das parroquias como das zonas máis urbanas. 273.000 euros destinaranse a Sanxenxo para afrontar a parte que lle corresponde ao Concello na mellora da seguridade viaria e da senda peonil na EP-9212, situada entre Noalla e a praia da Lanzada.
Bueu, pola súa banda, recibirá da Deputación 98.000 euros para a ampliación de nichos, columbarios e cinceiros para persoas falecidas no cemiterio municipal que actualmente conta cunha ocupación próxima ao 100%.