Aproban a equiparación salarial dos bombeiros do consorcio provincial

Pontevedra
26 de abril 2018

O pleno do consorcio de bombeiros de Pontevedra, que tivo lugar este xoves na Deputación, aprobou por unanimidade iniciar o procedemento para homoxeneizar a masa retributiva salarial anual do persoal que presta servizos nos parques da súa competencia

Pleno do Consorcio provincial de bombeiros
Pleno do Consorcio provincial de bombeiros

O pleno do consorcio de bombeiros de Pontevedra, que tivo lugar este xoves na Deputación, aprobou por unanimidade iniciar o procedemento para homoxeneizar a masa retributiva salarial anual do persoal que presta servizos nos parques da súa competencia.

Este foi un punto na orde do día do pleno introducido a petición da Deputación no que a Xunta estivo de acordo e que recollía o compromiso adquirido polo goberno provincial cos traballadores, tal e como lembrou a presidenta da administración pontevedresa, Carmela Silva.

"Creo que ninguén se ten que poñer medallas porque foron os traballadores os que o solicitaron" dixo a presidenta do consorcio, Carmela Silva, "considero que é unha causa xusta".

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, indicou que a Xunta de Galicia esixiu unha condición "e aceptouse perfectamente por parte da Deputación" para que co cambio de modelo de xestión non lle supoña un aumento de custos e tampouco teña que facer fronte a aquelas reclamacións que se fagan por parte dos traballadores afectados por este proceso.

"Necesitamos unhas garantías como administración colaboradora", xustificou Luís Menor, polo que a Deputación asumirá os posibles sobrecustos do novo modelo e por cambios no persoal, como reclamaba o goberno galego.

COMARCALIZACIÓN 

Aínda que non estaba incluído entre os asuntos da orde do día no pleno tamén se abordou a comarcalización dos parques de bombeiros municipais de Pontevedra e Vigo sen que houbese avance algún nas posturas que manteñen enfrontadas á Xunta e a Deputación.

Carmela Silva lembrou que a Deputación de Pontevedra contratou unha consultora externa especializada para que realice un informe sobre a situación das emerxencias da provincia e analice o modelo que quere aplicar a Xunta en cuestións como a cobertura xeográfica e as posibles zonas de sombra que resultarían da súa aplicación.

Unha vez que se coñeza o informe a Deputación convocará á Xunta "para falar e ver se somos capaces de saír da confrontación" e chegar a un acordo aínda que "a verdade é que non teño moitas esperanzas de chegar a un acordo", dixo Carmela Silva.

Ángel Moldes García, portavoz do colectivo de traballadores, celebrou esta decisión do pleno que acolle con satisfacción.