Serviocio seguirá xestionando -se aceptan a proposición do Concello-- as piscinas de Campolongo ata o 30 de xuño de 2016. Un prazo que pode ser menor se o goberno municipal logra licitar o novo contrato antes desa data. Así se acordou este martes durante a reunión da Xunta Reitora do IMD. Foi cos votos a favor de BNG e Marea, a abstención de PP, PSdeG-PSOE e Xunta de Galicia e a oposición de Ciudadanos.
Tratábase dunha reunión "importante pola premurade tempo", ao rematarse o contrato con Serviocio este mesmo martes. "Era necesario tomar unha decisión urxente", destacou Anxos Riveiro ao seu remate. Con esta nova prórroga, "garantimos que as instalacións sigan abertas ao público e a continuidade laboral de todas as persoas que alí traballan", segundo a responsable municipal de deportes.
Dende o Partido Popular, o concelleiro César Abal explicou que o seu grupo optou por absterse ao non querer ser "partícipes" dunha prórroga "irregular" que ten informes técnicos en contra, pero que co seu voto permitían que as piscinas "no se paralizaran". Tamén se abstivo o voceiro socialista Agustín Fernández, que lamentou que "por razones que a mí se me escapan" non se cumpriu a orde "verbal" que deu para que se iniciase un procedemento negociado.
Pola súa banda, Luis Rei afirmou que Marea votou a favor por "responsabilidade" cara aos traballadores das piscinas, pero lamentou que non se lle tivese feito partícipe do informe no que os técnicos municipais se opoñían a esta prórroga do contrato. Dende Ciudadanos, María Rey xustificou o seu voto en contra en que "no vamos a apoyar los errores de nadie", criticando a xestión que se fixo deste asunto.
COMEZAN OS TRÁMITES PARA O NOVO CONTRATO
A xunta reitora do IMD tamén aprobou, neste caso coa única oposición de Marea que instaba a remunicipalizar as instalacións de Campolongo, a apertura do expediente para sacar a licitación o novo contrato de xestión das piscinas, que incluirá unha profunda reforma de todo este ámbito.
Neste sentido, Anxos Riveiro reiterou que espera poder axilizar os trámites todo o posible, tendo en conta que gran parte dos pregos se poderán aproveitar dos que se redactaran para o contrato conxunto de Campolongo e A Parda. A edil do BNG aceptou estudar as propostas anunciadas polo Partido Popular e incorporar no seu momento as suxestións que poidan realizar calquera formación ou clubs da cidade.