Aproban o Plan de Actuación da Mancomunidade Terras de Pontevedra

Pontevedra
21 de abril 2015

A proposta busca establecer colaboracións con centros rupestres españois e europeos na procura da presenza en revistas especializadas como National Geographic, Hispania, Muy Interesante ou no sitio web de Arqueotur

Pleno de Terras de Pontevedra
Pleno de Terras de Pontevedra / Mónica Patxot

O pleno da Mancomunidade Terras de Pontevedra aprobou o Plan de Actuación para este ano 2015 durante a xuntanza deste martes 21, co que se pretende seguir o camiño que se iniciou a finais do ano pasado para a promoción e comercialización dos recursos rupestres da bisbarra. O máximo órgano reitor da mancomunidade está presidido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e conta con representación dos concellos de Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cotobade e Campo Lameiro.

A concelleira de Turismo e responsable de Terras, Carlota Román, sinalaba que xa hai unha estratexia aprobada e un produto de arte rupestre que se pretende fomentar.

A mancomunidade contará durante 2015 cun orzamento que supera os 100.000 euros, dos que 60.000 corresponden á achega realizada pola Xunta de Galicia, que sofre unha redución respecto a 2014 cando se investiron 90.000 euros. O resto do presuposto é achegado polos concellos que forman parte do proxecto.

A liña de traballo para a promoción dos diferentes recursos de arte rupestres centrarase na comercialización das ofertas que interrelacionan os depósitos da comarca. A proposta busca establecer colaboracións con centros rupestres españois e europeos na procura da presenza en revistas especializadas como National Geographic, Hispania, Muy Interesante ou no sitio web de Arqueotur.

Arquivado en