Aproveitan o parón escolar para traballar no mantemento dos colexios da vila

Poio
29 de decembro 2021

Entre estes labores atópanse, por exemplo, os que se están a efectuar no CEIP Chancelas, na parroquia de Combarro, onde se están a poñer a punto os aseos. Ademais, no CEIP Isidora Riestra, en San Xoán, colabórase na substitución de fiestras

Raquel Rodríguez, edil de Educación, no CEIP Chancelas Concello de Poio

O Concello de Poio está a aproveitar as vacacións dos escolares para levar a cabo unha serie de obras de mantemento nos diferentes colexios do municipio.

Entre estes labores atópanse, por exemplo, os que se están a efectuar no CEIP Chancelas, na parroquia de Combarro, onde se están a poñer a punto os aseos. Ademais, no CEIP Isidora Riestra, en San Xoán, colabórase na substitución de fiestras.

A edil de Educación, Raquel Rodríguez, asegura que, salvo imprevisto inesperado, estas actuacións estarán listas de cara o comezo da segunda avaliación, fixada para o 10 de xaneiro.

Estes traballos, segundo a concelleira, fanse tendo en conta as necesidades e demandas que traslada o tecido educativo, " a quen lle agradecemos o seu interese e predisposición á hora de coordinar co Concello este tipo de actuacións".

As obras que se están a realizar na actualidade dan continuidade ás efectuadas xa no pasado verán, entre as que destacaron, por exemplo, as tarefas de acondicionamento desenvoltas no pavillón polideportivo do CEIP Lourido, na parroquia de San Salvador.