A Xunta de Galicia activou o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) na mañá deste sábado tras declararse un espectacular incendio nunha nave de produtos fitosanitarios situada na Avenida de Pontevedra, en Vilagarcía de Arousa, preto dunha gasolineira Cepsa na entrada ao centro urbano.
O aviso chegou ao 112 Galicia minutos antes das 11:00 horas deste sábado 9 de agosto, a través da chamada dun particular que alertaba da presenza de lapas e fume na instalación, identificada como a nave de IMPEX EUROPA na zona de Rubiáns.
A proximidade do lume a unha gasolineira e a varias vivendas xerou gran preocupación entre a veciñanza, o que motivou a activación do PLATERGA para mobilizar recursos de ámbito local e supralocal, co obxectivo de garantir unha resposta coordinada ante a situación de risco.
De inmediato púxose en marcha un amplo operativo no que participan os Bombeiros de Vilagarcía, Ribadumia e Baixo Miño, efectivos do Servizo de Medio Rural, Emerxencias Vilagarcía, Policía Nacional e Local, Garda Civil e o Grupo de Apoio Loxístico (GALI), que desprazou unha cisterna de gran capacidade para reforzar as tarefas de extinción.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, procedeuse ao desaloxo preventivo de 22 vivendas próximas ao punto do incendio como medida de seguridade.
Sete das vivendas, segundo indica o 112, foron desaloxadas debido ao fume e as restantes pola proximidade ao incendio, afectando entre 30 e 40 residentes. O lume permanece controlado no seu perímetro.
Arredor das 19.00 horas, os medios continúan traballando no lugar. A nave colapsou por completo e seguen producíndose pequenas explosións debido ao material almacenado no seu interior, pero a evolución do incendio é favorable e os valores da calidade do aire mantéñense dentro da normalidade.
Ainda que os materiais almacenados "en principio non son tóxicos", segundo o Concello de Vilagarcía de Arousa, recomendouse á veciñanza o peche das ventás. O tráfico foi desviado dende a rotonda de Larsa

O Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi prealertado, aínda que, polo momento, non constan persoas feridas, xa que o interior da nave estaba baleiro no momento en que se iniciou o lume.
As autoridades piden precaución á cidadanía e solicitan evitar achegarse á zona para facilitar o labor dos servizos de emerxencia, que continúan traballando intensamente para sufocar o lume e garantir a seguridade da área.
RECOMENDACIÓNS SANITARIAS
A Consellería de Sanidade emitiu unha serie de recomendacións para a poboación debido ao fume xerado polo incendio da nave de produtos fitosanitarios en Vilagarcía de Arousa.
Segundo informan, o fume pode causar irritación de ollos e gorxa, dor de cabeza e problemas respiratorios, especialmente para persoas con enfermidades cardíacas ou pulmonares crónicas, que poden experimentar tose seca, respiración con asubío ou molestias no peito.
Os grupos de maior risco son os bebés e nenos, as embarazadas, as persoas maiores de 65 anos e quen padece enfermidades como asma, enfisema, EPOC, insuficiencia cardíaca ou anxina.
Para protexer a saúde, Sanidade recomenda:
- Limitar a exposición ao fume e abandonar a área se se pertence a un grupo de risco
- Permanecer dentro das vivendas con portas e fiestras pechadas
- Utilizar aire acondicionado se se dispón del
- Refuxiarse noutro lugar máis fresco se a casa se quenta demasiado
- Evitar actividades que aumenten a contaminación en espazos pechados
- Tomar a medicación habitual seguindo as instrucións médicas no caso de enfermidades respiratorias
- Chamar ao 061 se empeoran os síntomas respiratorios ou a saúde se deteriora drasticamente
A Consellería aconsella estar atentos ás noticias e alertas de saúde relacionadas co incendio para seguir as recomendacións actualizadas.
