Este mediodía declarábase un incendio no interior do antigo balneario de Vilagarcía, que actualmente se atopa abandonado.
Segundo indica o servizo de Emerxencias 112 Galicia, ningunha persoa resultou ferida debido a este incendio.
Os efectivos do servizo municipal de Emerxencias de Vilagarcía detectáronse dous puntos de lume no interior do edificio, que provocaron a presenza de lapas que afectaron a colchóns, mobles e algunha roupa almacenada no interior deste inmoble.
Varios particulares alertaban ás 12.05 horas ao 112 da presenza dun intenso fume que saía polas xanelas do antigo balneario, situado nas proximidades á Praia de Compostela.
Desde o 112 avisábase aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Salnés, integrantes de Protección Civil de Vilagarcía e aos axentes da Policía Nacional e Local.
Os servizos de emerxencia lograron extinguir as lapas e procederon á ventilación do edificio. Os únicos estragos producíronse en desperdicios e os obxectos persoais dos indixentes que nalgún momento usaron as instalacións para pasar a noite. A Policia Científica investiga a orixe do incendio, segundo advirte o Concello de Vilagarcía de Arousa.
Ata o Balneario desprazáronse a tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais, Tania García, e o edil de Turismo, Álvaro Carou, para comprobar o alcance do incidente e adoptar as medidas pertinentes. En primeiro lugar, os Servizos Sociais municipais puxeron en marcha o protocolo de actuación coas entidades sociais do municipio para pescudar si actualmente había persoas que durmían no balneario e, de ser así, localizalas e ofrecerlles acollemento. A continuación, tras comprobarse que o edificio non tiña sufrido danos estruturais, deuse orde de volver a tapiar portas e ventás para evitar o acceso de okupas.