A Deputación de Pontevedra aproveitou a celebración do Día Internacional do Té para reivindicar o potencial económico e social do cultivo desta planta na provincia a través da marca Té Areeiro, elaborada na Estación Fitopatolóxica do Areeiro (EFA) a partir das súas propias plantacións de camelia sinensis.
O presidente provincial, Luis López, encabezou este xoves o acto celebrado nas instalacións de Lourizán, no que tamén se inaugurou o novo anfiteatro da Finca Areeiro.
O evento reuniu a representantes institucionais, persoal investigador da estación fitopatolóxica, alumnado do centro Juan XXIII e membros da Xunta de Galicia.
Durante a xornada realizouse unha degustación do Té Areeiro e presentouse este novo espazo divulgativo, pensado para achegar ao público o traballo científico e de innovación vinculado ao sector primario.

Na súa intervención, López destacou que a provincia de Pontevedra conta cunha posición privilexiada no ámbito da camelia, xa que catro dos cinco xardíns españois distinguidos internacionalmente pola excelencia destas plantas atópanse no territorio provincial. Dous deles, os da Finca Areeiro e o Castelo de Soutomaior, pertencen á propia Deputación.
O mandatario provincial lembrou ademais que a camelia sinensis é a planta da que se obtén o té e puxo en valor os máis de 25 anos de investigación desenvolvidos pola EFA neste eido.
Actualmente, as instalacións dispoñen de máis de 2.000 exemplares destinados á produción de Té Areeiro, unha marca creada pola Deputación no ano 2023 co obxectivo de impulsar un produto vinculado ás Rías Baixas e favorecer novas oportunidades no rural.
Segundo explicou López, iniciativas como esta poden contribuír á creación de emprego e á dinamización económica das zonas rurais da provincia.
Neste sentido, tamén vinculou esta estratexia á candidatura de Pontevedra para acoller no ano 2031 o Congreso Internacional da Camelia.
O presidente provincial incidiu no papel da Estación Fitopatolóxica do Areeiro como centro de referencia para o sector primario pontevedrés, tanto polo labor de asesoramento ás explotacións agrícolas como polo impulso de proxectos innovadores.
Ademais, felicitou ao equipo profesional do centro polo traballo desenvolvido e salientou especialmente a implicación de José Rodríguez, encargado da construción artesanal de boa parte do novo anfiteatro inaugurado este xoves.