Arjen, panadeiro artesán na Lama: "Vou ter que pechar se non consigo vender un 20% máis"

A Lama
06 de maio 2022

Tras máis de 30 anos atendendo aos seus fieis clientes, o mestre panadeiro Arjen Jaarsma publicou na páxina de Facebook da súa empresa de panadería artesá Pandarán unha mensaxe para evitar o peche do seu obradoiro do Polígono do Racelo, na Lama

Arjen Jaarsma, mestre panadeiro
Arjen Jaarsma, mestre panadeiro / PontevedraViva

"Dóeme ser así de honesto pero vou ter que pechar se non consigo vender un 20% máis". Esta frase forma parte dunha sentida mensaxe que Arjen Jaarsma publicou na páxina de facebook da súa empresa de panadería artesá Pandarán pedindo a colaboración dos seus clientes.

Nun descanso na súa intensa xornada laboral atende a chamada de PontevedraViva. Explica que o seu forno vende para outras tendas especializadas, como herboristerías, gourmet ou ecolóxicas, e que a crise neste sector, con peches continuos, está a afectarlle.

"Hai dous ou tres meses que as vendas caeron en picado, levamos case 30 anos vendendo para un cliente fiel un produto diferenciado pero estamos a piques de pechar, non vemos futuro porque non dan as contas", argumenta Arjen.

Esta chamada de auxilio en redes sociais ten un dobre sentido. Por unha banda, poder salvar in extremis a empresa panadeira e por outro "por respecto aos nosos clientes, non queremos pechar sen avisarlles". Arjen engade que con que cada tenda lle encargue tres ou catro pans máis alcanzaría o obxectivo do 20% e a situación estaría provisionalmente superada.

Neste momento, reparten o seu produto en doce tendas da cidade de Pontevedra e máis dun centenar en toda a provincia, ademais dalgúns puntos de venda na provincia da Coruña concentrados en Santiago e localidades da contorna. Sempre traballan por encargo, de modo que o cliente se dirixe á súa tenda de referencia e pode ter o seu produto en calquera das dúas entregas que se fan á semana.

Ademais, estes pans están elaborados con ingredientes naturais e ecolóxicos, a base de fariñas integrais ou semi, sementes e cunha preparación artesá que facilita que o pan se poida consumir durante unha semana.

Pese ao carácter exclusivo do produto, Arjen sinala que co encarecemento das materias primas e da factura eléctrica, que tanto lle afectou, non o reverteu nunha subida de prezo dos seus pans, "non hai moitos negocios que poidan subir un 20 ou un 30% o prezo dos seus produtos", incide, pero a situación non é fácil.

Pago catro veces máis en enerxía eléctrica, antes o horario nocturno era moi barato e agora é moi caro

"Agora pago catro veces máis en enerxía eléctrica, antes o horario nocturno era moi barato e agora é moi caro. Eu traballo co mercado libre e se antes tiña o kilovatio/hora a 5 céntimos, agora moitas veces está a 25 ou 30 céntimos. E tamén os outros gastos fixos, por exemplo a gasolina para a repartición, que dá igual que leves a furgoneta medio chea ou chea, o gasto é igual. E a iso súmalle os soldos".

Pandarán Forno Integral tivo que ir reducindo persoal nos últimos anos, ata quedar catro persoas fixas, cadro que se pode reforzar en momentos puntuais. Deste xeito, Arjen Jaarsma pasou de compartir forno cun compañeiro a traballar só no obradoiro. En función dos pedidos, entra no forno ás 7 ou 8 da tarde ata as 2 ou 3 da madrugada. "Ás 6 da mañá veñen dúas persoas a envasar o pan, porque os pans teñen que estar fríos para cortalos e envasar" e o resto do tempo, este mestre panadeiro distribúeo entre a oficina e a repartición, función na que traballa un empregado máis, ao que suma unha cuarta persoa na preparación dos pedidos.

Arjen pídenos que contemos que Pandarán é algo máis ca un negocio, é unha forma de vida, unha aposta polo rural, pola cultura, a tradición e un modelo respectuoso co medio natural. No ano 1993, tres despois de titularse como mestre panadeiro na súa Holanda natal, escolleu coa súa parella a aldea de Vilela en Tirán, Moaña, para iniciar o seu proxecto, coa recuperación dun forno centenario que era o centro da vida no pobo. Co aumento dos pedidos, buscaron outro lugar que lles permitise incrementar a súa capacidade de produción, coa condición de que estivese no rural e onde puidesen compartir e facer comunidade cos veciños.

En 2007 trasladaron o obradoiro ao Polígono do Racelo, na Lama, a beiras do río Verdugo

Así foi como en 2007 trasladaron a súa actividade ao Polígono do Racelo, na Lama, a beiras do río Verdugo. Moi preto, no lugar de Peso-Escuadra, Arjen asentouse fiel aos seus principios. "Temos aquí unha comunidade de xente afíns de vida natural, aquí na Lama e Ponte Caldelas, e por exemplo cando estás a arranxar unha casa, o típico é que veña moita xente para axudarche a facer o tellado".

Nesta forma de vida criou ao seu fillo Lucas, que xa ten 25 anos e practica Ecstatic Dance, unha forma de danza na que se conecta coa natureza sen teléfonos móbiles nin distraccións, ademais de desenvolver unha agricultura e construcións respectuosas coa contorna e con materiais naturais. Foi o fillo "que se move máis por redes sociais" o que animou a Arjen a facer pública a situación da empresa. Estiveron unha semana sopesando os pros e os contras ata este mércores 4 de maio. En apenas 24 horas, a publicación de Facebook xa superaba a cifra de mil veces compartida.

A honestidade coa que Arjen explica os motivos aos seus clientes trasládanola con outras palabras cargadas de emoción a través do teléfono: "Gústame o traballo, teño case 60 anos e non quero pechar".