Arranca a reforma da rúa Cruz Gallástegui

Pontevedra
02 de setembro 2016

Trátase dunha intervención sinxela, cun custe duns 60.000 euros, que consiste en elevar a calzada e os espazos de estacionamento á nivel das beirarrúas, é dicir, construír unha plataforma única semellante a Michelena, o primeiro tramo de Benito Corbal ou todo o centro histórico

Cruzamento entre as rúas Sagasta, Cruz Gallástegui e Castelao
Cruzamento entre as rúas Sagasta, Cruz Gallástegui e Castelao / Mónica Patxot

O Concello arranca este venres cos traballos previos para dar preferencia peonil á rúa Cruz Gallástegui. Logo de acometer a peonalización de Benito Corbal, o Concello inicia unhas obras que continuarán nos vindeiros meses, tamén con Castelao.

Trátase dunha intervención sinxela, cun custe duns 60.000 euros, que consiste en elevar a calzada e os espazos de estacionamento ao nivel das beirarrúas, é dicir, construír unha plataforma única semellante a Michelena, o primeiro tramo de Benito Corbal ou todo o centro histórico. Farase unha pavimentación de cor similar á realizada no tramo peonil da praza de Barcelos, entre Blanco Porto e Sagasta.

A pavimentación está prevista para mediados de setembro, e até ese momento faranse traballos de eliminación dos rebaixes das entradas á garaxes precisos para o posterior asfaltado. Nos traballos iniciais, as obras non afectarán ao tráfico na rúa.

O réxime circulatorio da rúa será similar ao que existen noutras zonas parecidas: Michelena ou centro histórico, por exemplo, con acceso a todos os garaxes da rúa e paradas de servizos para todos os condutores que precisen achegarse á rúa Cruz Gallástegui. 

Posteriormente a esta actuación estenderase tamén o tratamento á rúa Castelao, e finalmente farase unha reordenación do tráfico de toda a zona, onde tamén está previsto a ampliación de beirarrúas en Benito Corbal ata a nova praza do Hospital.