Arranca 'As mulleres que opinan son perigosas', un "espazo de resistencia feminista" que cada ano segue crecendo

Pontevedra
15 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Ás 12:00 horas deste venres 15 de marzo arrancaba no Teatro Principal a sétima edición do encontro de mulleres xornalistas 'As mulleres que opinan son perigosas', un congreso que dá voz "a esa metade dá poboación que está infravalorada", explicaba na apertura a cofundadora Diana Varela  

Apertura do encontro 'As mulleres que opinan son perigosas'
Apertura do encontro 'As mulleres que opinan son perigosas'

Ás 12:00 horas deste venres 15 de marzo arrancaba no Teatro Principal a sétima edición do encontro de mulleres xornalistas 'As mulleres que opinan son perigosas', un congreso que dá voz "a esa metade dá poboación que está infravalorada", explicaba na apertura a cofundadora Diana Varela.

Un ano máis, Varela lembraba os inicios deste foro, alá polo 2018 e que se converteu en "todo un éxito" pese ao "cansazo, as crises existenciáis e os cambios de última hora", afianzando á cidade de Pontevedra como un referente "pola loita e o compromiso coa igualdade".

"Como xornalistas feministas seguiremos dando voz e espazo a esa metade da poboación, estamos infrarrepresentadas en todos os espazos públicos e de poder. O antifeminismo e o machismo están aí" por iso seguirán apostando por este congreso que se converteu nun "espazo de resistencia feminista".

No caso da tamén cofundadora Susana Pedreira, botou a vista atrás e incidiu tamén nas orixes de 'As mulleres que opinan son perigosas', que naceu como unha reacción aos encontros formados exclusivamente por "señores opinando" e que, desgraciadamente "segue acontecendo". A opinión é "un espazo moi masculinizado e somos conscientes de que a intención era facer unha reacción e converteuse nunha acción que foi medrando coa palabra" de todas as mulleres que pasaron por aquí.

Xunto ás organizadoras, abriron esta sétima edición a concelleira de igualdade no Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, e a deputada de igualdade, Sandra Bastos.

Gulías admitiu que "é un orgullo" que Pontevedra sexa "unha cidade feminista" e levar a cabo "esta iniciativa que reforza a idea de facer espazos seguros e públicos" para as mulleres e que teñen "presenza predominantemente masculina".

Tomou a palabra en último lugar Bastos, que definiu o foro como un "referente" e reiterou que "se non opinásemos se que sería perigoso".

Despois da inauguración foi a quenda de Carolina Sertal e Carmen G. Magdaleno, gañadoras do I Premio de Opinión #MulleresQueOpinan, e de Lula Gómez, guionista, podcaster e realizadora audiovisual.

A xornada continuará pola tarde con Mercedes Corbillón, de Diario de Pontevedra e La Voz de Galicia; Jasmín Abuín, xornalista, cómica e actriz; Diana Oliver, xornalista especializada en maternidade, infancia e saúde, e Lucía Méndez, de El Mundo.

O sábado subirá ao escenario ás 12:00 horas Ana G, Liste, de praza.gal e continuará Patricia Fernández de Lis, redactora xefa de El País e directora de Materia; Isabel Cadenas Cañón, xornalista, escritora e documentalista sonora; Cláudia Morán, de Nós Diario; Noor Ammar Lamarty, activista xurídica e podcaster; Mariola Cubells, de La Ventana de Cadena SER e Huffington Post, e Olga Viza, xornalista e presentadora de televisión.