Arranca o segundo mandato de David Regades á fronte da executiva provincial socialista

Pontevedra
19 de febreiro 2022

O renovado Comité Executivo Provincial do PSdeG-PSOE, saído do 4º Congreso celebrado a pasada fin de semana, celebrou na tarde deste venres a súa primeira xuntanza baixo a dirección de David Regades

Xuntanza do Comité Executivo Provincial do PSdeG-PSOE baixo a dirección de David Regades
Xuntanza do Comité Executivo Provincial do PSdeG-PSOE baixo a dirección de David Regades / PSdeG-PSOE

O renovado Comité Executivo Provincial do PSdeG-PSOE, saído do 4º Congreso celebrado a pasada fin de semana, celebrou na tarde deste venres a súa primeira xuntanza baixo a dirección de David Regades.

O secretario xeral provincial David Regades dirixiuse ás 55 persoas que forman parte da Executiva para pedirlles que contribúan a que todo o partido "se arremangue" para seguir gañando as Eleccións Municipais, que chegarán xa o ano próximo "e, co traballo de todos e todas, facelo aínda con máis forza". Regades destacou que despois das 23 alcaldías obtidas nos últimos comicios hai que facer o posible para continuar avanzando e que se hoxe son máis de 600.000 as pontevedresas e pontevedreses gobernados por socialistas nos seus concellos esa cifra se amplíe aínda máis.

"Esta provincia non pode permitirse retroceder despois de catro anos de avance e menos diante dun Partido Popular sumido en pleno proceso de descomposición, que se desangra en liortas que nada teñen que ver co benestar da xente", manifestou o secretario xeral dos socialistas da provincia de Pontevedra.

Regades animou a todo o socialismo a manter a cabeza nos problemas reais da xente. "Os homes e mulleres do PSdeG temos a cabeza en cada concello, en cada unha das catro provincias e en Galicia mentres que o Partido Popular está pendente de espiarse entre eles de xeito delictivo e dos dossieres sobre os e as aspirantes a ocupar o 'sillón' de Génova", remarcou.

David Regades anunciou o comezo dun calendario de traballo de cara a intensificar a presencia do partido nos 61 concellos da provincia co obxectivo de difundir información veraz sobre os avances que teñen chegado da man das Alcaldías socialistas e dunha Deputación progresista, e encamiñar así a recta que conduce ás próximas Eleccións Municipais.

EXECUTIVA PROVINCIAL RENOVADA

En canto á composición da nova Executiva provincial, Regades destacou que trae consigo unha ampla renovación, pois entre as 55 persoas hai 23 novas incorporacións, ao tempo que mantén o talento humano da anterior.

Ademais destacou que se trata dun grupo humano feminista, con ampla presencia de mulleres que ocupan responsabilidades tanto na política local como na provincial e na autonómica, "profundamente municipalista" e "comprometido xeneticamente cos principios da socialdemocracia".