Arredor de 2.000 pacientes portan unha bolsa de ostomía na área sanitaria

Pontevedra
20 de setembro 2024

Montecelo acolleu este xoves un encontro entre o xerente da área sanitaria, José Flores; a directora de Enfermaría, Concepción Abellás; e membros da asociación ASSEII, coa súa presidenta, Ángela Paz, á cabeza, no que repasaron iniciativas asistenciais para pacientes con estas patoloxías

Responsables da Área Sanitaria con membros da asociación ASSEII
Responsables da Área Sanitaria con membros da asociación ASSEII / Sergas

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés refrendou este xoves coa Asociación Socio Sanitaria de Enfermidade Inflamatoria Intestinal (ASEII) o seu compromiso coa atención ás enfermidades inflamatorias intestinais, sensibilizando sobre o auxe de novos casos de enfermidade de Crohn e colite ulcerosa que xorden en idades afastadas dos 20 a 40 anos. 

Algúns síntomas asociados á enfermidade inflamatoria intestinal son a diarrea, a dor abdominal, a perda de peso ou a febre.

Segundo quedou patente neste encontro mantido no hospital Montecelo entre o xerente da área sanitaria, José Flores; a directora de Enfermaría, Concepción Abellás; e membros de ASEII, coa súa presidenta, Ángela Paz, á cabeza, as iniciativas de atención ás enfermidades inflamatorias intestinais nesta área de saúde dispoñen dunha estrutura de coidados especializada para os pacientes ostomizados, orientada a asegurar unha atención de calidade e personalizada. 

Existen arredor de 2.000 pacientes portadores dunha bolsa de ostomía nesta Área Sanitaria e contabilízanse uns 5.000 a nivel Autonómico. 

Entre as principais causas destacan a neoplasia de recto ou de colon, a enfermidade de Crohn ou enfermidades inflamatorias intestinais, os accidentes de tráfico ou as neoplasias de vexiga, entre outras.