A Policía Local de Pontevedra procedeu á detención de dous individuos en intervencións diferentes motivadas por incidentes en espazos públicos da cidade durante a primeira semana de maio.
Na madrugada do luns 4 de maio, arredor das 00:30 horas, os axentes detiveron a un condutor que circulaba a gran velocidade polo casco urbano.
O vehículo detívose fronte a un establecemento, momento no que a patrulla realizou as probas de detección de substancias, cun resultado positivo en cocaína.
Ao verificar a documentación, a policía constatou que o home tiña en vigor unha orde de afastamento respecto da súa ex parella, que incluía a prohibición de achegarse ao seu domicilio e lugar de traballo.
Despois de comprobar que a muller se atopaba traballando nese intre no establecemento onde parou o condutor, os axentes procederon á súa detención inmediata por un presunto delito de quebrantamento de condena.
ALTERCADO
O outro arrestos tivo lugar o venres día 1, ás 23:25 horas, tras un altercado nun establecemento. Segundo os testemuños recollidos pola patrulla, o sospeitoso agredira varias persoas no interior do local.
Ao ser trasladado ao exterior para a súa identificación, o home mantivo unha conduta desafiante cara aos axentes, ata o punto de que un acompañante tivo que suxeitalo para evitar que arremetese contra os funcionarios.
Tras desatender cinco avisos para que se retirase da zona e intentar acceder de novo ao interior, os efectivos reduciron ao individuo e detivérono por desobediencia e resistencia grave.
Ambos arrestados foron postos a disposición xudicial.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.