As actuacións da Policía Nacional contra o trapicheo en Vilagarcía suman nove persoas detidas no que vai de ano

O Salnés
20 de febreiro 2024

O plan contra o menudeo e pequeno tráfico de drogas permitiu en dous meses a desarticulación de varios puntos de venda e distribución de droga en pleno centro de Vilagarcía

Vehículo da Policía Nacional
Vehículo da Policía Nacional / Mónica Patxot

A Policía Nacional detivo nove veciños de Vilagarcía de Arousa no que levamos de ano por delitos de tráfico de drogas.

Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría de Vilagarcía, estas persoas detidas foron interceptadas polos axentes nos dispositivos establecidos para o efecto cando levaban a cabo diferentes transaccións de droga en plena vía pública, o que comunmente se coñece como trapicheo.

Os axentes identificáronos e atoparon ocultas nas súas roupas varias doses de cocaína e heroína.

Nun dos últimos dispositivos que se efectuaron na zona de lecer de Vilagarcía de Arousa, os axentes interceptaron un vehículo e localizaron no seu interior repartidos en varios habitáculos, varias doses de cocaína. O condutor e o copiloto foron detidos por tráfico de drogas.

A cantidade de droga incautada non é especialmente significativa, desde o 1 de xaneiro ata hoxe incautáronse un total de 86 gramos de cocaína e 1,2 gramos de heroína.

Este labor policial enmárcase dentro dos múltiples operativos levados a cabo polos axentes para atallar en Vilagarcía o menudeo e pequeno tráfico de substancias estupefacientes e tratar de erradicar os puntos negros de venda de drogas.

Para este obxectivo resulta fundamental o labor das unidades de investigación de Policía Xudicial xunto coa delegación de participación cidadá, a través da cal se canalizaron as queixas veciñais pola existencia dos puntos negros.