As andainas da Deputación superaron o número de prazas previstas

Pontevedra
12 de outubro 2016

O programa da Deputación de Pontevedra, que se repetirá o vindeiro ano, ten por obxectivo poñer en valor o territorio da provincia de Pontevedra

Participantes nas Depo andainas
Participantes nas Depo andainas / Deputación de Pontevedra

As melloras introducidas polo goberno provincial no programa antes chamado "Sendeiros Rías Baixas" supuxeron o cheo absoluto do programa que, co novo nome de "Depo Andainas", contou cunha participación de máis de 1.200 persoas, esgotando por vez primeira as prazas e obrigando á institución provincial a dobrar a flota de autobuses e a pensar, de cara ó vindeiro ano, en novas fórmulas para atender a alta demanda.

Os participantes realizaron andainas polos concellos de Campo Lameiro, para visitar a ruta dos petróglifos; Nigrán e Vigo, para percorrer o sendeiro azul e as Illas Cíes; Silleda, para visitar a fervenza de Pazos e o Mosteiro de Carboeiro; e O Grove, para percorrer a ruta do Con en San Vicente do Mar ata Porto Meloxo.

Trátase dunha actividade gratuíta que impulsa hábitos saudables, promove o territorio e a preservación do medio ambiente da provincia de Pontevedra.

Entre as principais novidades do programa encontrábanse desde a propia celebración das rutas, escapando dos días máis calorosos do verán, ata engadir dous autobuses para trasladar aos participantes e incluír as Illas Atlánticas na actividade.

Tamén foron novidades do programa as charlas e actividades medioambientais que se realizaban durante os percorridos e a apertura da participación a aquelas persoas que non empregaban o autobús para desprazarse ata os lugares das andainas. Amais, por vez primeira o programa contaba coa participación activa dos concellos, que se encargaron de promover as rutas, a diferenza do que aconteceu nas edicións anteriores.