As asociacións da cidade xa poden pedir un local no edificio administrativo de Benito Corbal

Pontevedra
01 de xuño 2023

A Xunta publica as bases para a ocupación de xeito temporal por parte do tecido asociativo de Pontevedra dos 26 locais das plantas terceira e cuarta do inmoble para usos sociais, culturais ou sanitarios

Edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal
Edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal / Cristina Saiz

O Diario Oficial de Galicia publica este xoves as bases reguladoras e a convocatoria pública en réxime de concorrencia para a ocupación temporal, para usos sociais, culturais ou sanitarios, dos locais destinados a este fin no edificio administrativo da Xunta na rúa Benito Corbal

Con esta orde autorízase a ocupación de 26 locais diáfanos e independentes nos andares terceiro e cuarto do inmoble.

Destes locais 22 son do tipo A cunha superficie entre 20 e 27 metros cadrados e outros catro tipo B duns 40 metros cadrados.

En 2019 publicárase unha orde similar que se resolveu coa adxudicación a 28 asociacións de Pontevedra e bisbarra do uso dos locais por un prazo de catro anos improrrogables.

Nesta ocasión, as asociacións e entidades sen ánimo de lucro deberán presentar as súa solicitudes de xeito individual, aínda que poden optar polo uso compartido mediante agrupación. O número máximo de locais adxudicados será 1 por solicitante de un dos dous tipos e entregaranse con instalacións de climatización, alumeado e tomas de corrente.

As entidades interesadas en formalizar a súa petición teñen que estar legalmente constituídas e inscritas no rexistro público correspondente. Deben ter domicilio social no concello de Pontevedra ou nos municipios limítrofes e da bisbarra e, se non é así, acreditar que a meirande parte da súa actividade se desenvolve nestas zonas.

Ademais, só poderán ser beneficiarias organizacións sen ánimo de lucro cuxos fins sexan de interese social, cultural, deportivo, sanitario ou outros de relevancia social. 

As solicitudes presentaranse de maneira obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta e durante o prazo máximo dun mes contado desde o venres.