As Cámaras de Comercio de Pontevedra e Vilagarcía conservarán traballadores e sede tras a fusión

Pontevedra
30 de marzo 2015

Miguel Falcón recoñeceu que no caso da Cámara de Pontevedra o acordo de adherirse a Vigo e Vilagarcía non se aprobou en Pleno, senón só en comité executivo. A pesar de estar a recoñecer que non se deu o trámite preceptivo, Falcón quixo aclarar que "iso non ten a maior improtancia", pois "existen informes xurídicos abondo para avalar" a decisión da adhesión

Pleno da Cámara de Comercio de Pontevedra Mónica Patxot

A Cámara de Comercio resultante da fusión entre as actuais institucións de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vigo terá a súa sede na cidade olívica, pero esa medida non afectará á estrutura actual do resto dos entes. Vilagarcía e Pontevedra manteranse como territorios históricos da nova Cámara e "conservan a súa sede, a súa xestión e o seu persoal".

Así o revelou este luns o presidente da Cámara de Comercio de Vilagarcía de Arousa, Miguel Falcón, durante un acto público no polígono industrial de Barro Meis. Segundo explicou, a sede viguesa aparece xa así recollida no acordo de fusión que as tres institucións asinaron a semana pasada na Xunta de Galicia.

Falcón recoñeceu que no caso da Cámara de Pontevedra o acordo de adherirse a Vigo e Vilagarcía non se aprobou en Pleno, senón só en comité executivo. Ao respecto, cabe destacar que o asunto debía aprobarse no Pleno organizado o mércores 25 de marzo, pero non houbo quórum, de modo que non puido celebrarse.

 Miguel Falcón sobre a fusión: "Na Cámara de Pontevedra foi anunciado ao pleno e aprobado en comité executivo"

O presidente de Vilagarcía indicou que os regulamentos internos de cada entidade din que ten que ser aprobado en Pleno, pero "concretamente na Cámara de Pontevedra foi anunciado ao pleno e aprobado en comité executivo". A pesar de estar a recoñecer que non se deu o trámite preceptivo, Falcón quixo aclarar que "iso non ten a maior importancia", pois "existen informes xurídicos suficientes para avalar" a decisión da adhesión.

Nas súas declaracións ante os medios, fixo mención á falta de quórum que se deu no Pleno de Pontevedra nas catro últlimas sesións e sinalou que "se nunca hai quórum nun sitio, entonces nunca se aprobaría nada". En todo caso, insiste en que "existen argumentos xurídicos suficientes para validar esas actuacions".

COMUNICADO DO PERSOAL

Por outra parte, este luns referíronse á fusión os traballadores da Cámara de Pontevedra. Emitiron un comunicado no que explican que "acollen a noticia con optimismo e esperanza de futuro", ao entender que con esta integración se fomentarán, potenciarán e crearán novos servizos de acorde ás necesidades e esixencias do mercado actual, que redundarán en beneficios para o empresariado das tres Cámaras.

O persoal amosa o seu "apoio e agradecemento" aos órganos de xestión da entidade, que "deron un paso á fronte para evitar a súa desaparición".