As campañas de control de gaivotas e pombas de Marín reduciron a poboación en 1.500 aves en tres anos

Marín
19 de xullo 2018

Esta campaña supón prestar aos veciños de Marín un servizo gratuíto. O servizo de control de gaivotas permanecerá activo ata o mes de agosto, completando a totalidade da época de cría da gaivota patiamarela, mentres que o servizo de control da pomba común finalizará en abril de 2019

Pomba
Pomba / Mónica Patxot

O Concello de Marín deu a coñecer que durante este ano 2018 volveu poñer en marcha o servizo de control poboacional de gaivotas e pombas que executa desde o ano 2015 con bos resultados e permitiu reducir a poboación destas aves no municipio en máis de 1.500 exemplares en tres anos. 

Segundo o Concello, na primeira campaña posta en marcha no ano 2015 detectouse unha poboación próxima ás 2.000 pombas e, ao fin da campaña de 2017, a cifra era de 500. 

Neste cuarto ano preténdese manter e reducir a poboación naquelas zonas máis afectadas, reducindo as colonias de pombas a uns números asumibles polas mesmas, impedindo á súa vez que o número total de exemplares volva elevarse.

O servizo de control poboacional da gaivota patiamarela renovouse un ano máis debido á gran acollida que tivo nos cidadáns, principalmente polas molestias e aos prexuízos que se evitan nas súas vivendas. 

Esta campaña supón prestar aos veciños de Marín un servizo gratuíto contratado polo Concello a unha empresa externa. O servizo de control de gaivotas permanecerá activo ata o mes de agosto, completando a totalidade da época de cría da gaivota patiamarela, mentres que o servizo de control da pomba común finalizará en abril de 2019. 

Todos os veciños que desexen que os seus tellados sexan inspeccionados poden poñerse en contacto coa empresa Larus Control a través do correo electrónico [email protected] ou no número de teléfono 689 838 359, en horario de 10.00 a 19.00 horas.