As confrarías de San Telmo, Lourizán e Raxó solicitarán unha entrevista urxente coa Consellería de Medio Ambiente para aclarar a información que lles trasladou a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) que asegura que a empresa Ence é responsable da baixa calidade das augas da zona dos Praceres por verter bacterias coliformes á ría.
Nunha reunión celebrada este luns na lonxa de Campelo, os patróns maiores dos pósitos do fondo da ría escoitaron as explicacións dos voceiros da asociación ecoloxista, Antón Masa e Benito Andrade.
Os responsables da APDR, citando un informe de Augas de Galicia, sosteñen que sobre a carga de coliformes (bacterias fecais) da auga que verte á ría a fábrica de Ence estarían contribuíndo de xeito decisivo á catalogación como zona C do banco marisqueiro de Praceres.
Ence negou rotundamente estas acusacións que relacionou coa campaña electoral, desmentiu a presenza de coliformes nas súas verteduras e rexeitou, por conter datos equivocados, o informe de Augas de Galicia.