As construtoras rebaixan ata un 24% o prezo de licitación da reforma de Luís Rocafort

Sanxenxo
11 de xaneiro 2017

O vicepresidente Mosquera asegurou que é fundamental facer correctamente os trámites administrativos para evitar reclamacións

Avenida Luis Rocafort, Sanxenxo
Avenida Luis Rocafort, Sanxenxo /

As ofertas das construtoras que aspiran a realizar a mellora da avenida de Luís Rocafort en Sanxenxo rebaixan entre un 24% e un 5% o prezo inicial de licitación. Así o coñeceu este mércores a mesa de contratación da Deputación, que abriu os sobres coas propostas económicas das 18 empresas que quedaban en liza para executar a obra.

A oferta máis económica foi de 1.242.196,35 euros e a máis alta de 1.568.220,5 euros sobre unha base de 1.650.759.28 euros orzamentados inicialmente polos técnicos provinciais.

Con estes datos garantiuse que ningunha das firmas aspirantes presentara unha baixa temeraria. O seguinte paso administrativo antes da adxudicación final serán a redacción dun informe de avaliación conxunta das ofertas técnicas e económicas para propoñer á Xunta de Goberno a alternativa máis favorable. Despois a empresa terá que presentar as garantías de solvencia, asinar o contrato e presentar a acta de replantexo dos traballos.

Preguntado sobre a obra de mellora da avenida Luís Rocafort, o vicepresidente Mosquera asegurou que a resolución da mesa de contratación é un trámite administrativo que é fundamental facer ben co que non debe haber présa. "Igual queres apurar -na burocracia- e de repente engánaste nun detalle, preséntanche unha reclamación, e perdes seis meses… Por iso é prioritario que se faga ben. Está todo en marcha e o fundamental é que esa obra vai levar unha calidade como se merece a zona", subliñou.

En relación aos prazos de inicio e execución, así, insistiu en que "non hai maneira de facer predicións" xa que todo depende do prazo no que finalicen os mencionados trámites burocráticos. De feito, indicou que só cando estea adxudicada a obra poderase falar das posibilidades tanto coa empresa e co Concello de Sanxenxo.

"Se non está para o verán, empézase despois do verán ou cando sexa… Obviamente as obras teñen as súas molestias. Gustaríannos que estivesen feitas antes de empezar… pero non. Hai que esgotar todos os trámites. O de hoxe é un trámite moi importante e unha vez estea a obra adxudicada será cando se poida xogar cos prazos. Antes é absurdo", subliñou.