A unión temporal de empresas composta por Nexia Infraestruturas SLU e a firma Obras, Reformas y Saneamientos SL é a proposta da mesa de contratación da Deputación para realizar as obras de mellora da avenida Luís Rocafort en Sanxenxo.
As firmas presentaron unha oferta económica de 1.256.062 euros, que supón unha baixa do 23,9% con respecto ao orzamento de licitación, dato que se engadiu á súa boa valoración do proxecto técnico.
Agora mesmo a empresa está no prazo de presentar as garantías de solvencia para poder executar a obra (dez días hábiles). Unha vez a documentación sexa entregada, a proposta de adxudicación será levada a Xunta de Goberno para a resolución definitiva. De non haber contratempos, asinarase o contrato e realizarase a acta de replantexo.
Tamén está previsto que nas vindeiras semanas se celebre unha reunión de coordinación entre a Deputación e o Concello de Sanxenxo coa finalidade de acordar cando é máis conveniente executar a obra.