As degustacións previas á Festa da Troita comezan este domingo 29 en Anceu

Ponte Caldelas
25 de abril 2018

O goberno local estima que se consumirán unhas 1.500 racións de peixe nun intenso calendario polas distintas Casas do Pobo do municipio, que rematará o 25 de maio

Degustacións previas á Festa da Troita en Regodobargo

A Casa do Pobo de Anceu será o primeiro escenario dentro do calendario de degustacións que se van levar a cabo antes da celebración da  Festa da Troita. Trátase de 25 actos promocionais da unha festa que chega á súa 52 edición. A celebración será durante o último fin de semana do mes de maio, o sábado 26 e domingo 27.

As degustacións comezan este 29 de abril e finalizarán o 25 de maio en Regodobargo, a través dunha proposta organizada polo goberno local. Nesta iniciativa colaborarán dous cociñeiros que se ocupan da elaboración da troita en dúas modalidades: frita e en escabeche.

Os cociñeiros para este ano son José Antonio Rocha, Liño Mariño, Alejandro Rocha, Enrique Lafuente, Dolores Padín, Sandra Gil, José Manuel Corbacho e José Luis Reimúndez.

Espérase que ao longo destas 25 noites se consuman ao redor de 1.500 racións. Os prezos das racións será de tres euros, incluíndo pan e viño. Despois de Anceu, as degustacións continuarán en Pazos, Contixe, A Roca, Taboadelo, A Reigosa, Insua e Baltar, ao longo da primeira semana.