As deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo propoñen a xestión directa dos parques de bombeiros

Pontevedra
02 de marzo 2016

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, propuxeron ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda a creación dunha comisión xurídico-técnica para avanzar "con rigor" no proxecto de xestión directa dos parques de bombeiros

Carmela Silva, Darío Campos e Goretti Sanmartín Rei
Carmela Silva, Darío Campos e Goretti Sanmartín Rei / Deputación de Lugo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, propuxeron ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda a creación dunha comisión xurídico-técnica para avanzar "con rigor" no proxecto de xestión directa dos parques de bombeiros.

A primeira xuntanza terá lugar dentro de quince días para, despois, convocar outra de carácter político asentada "en piares firmes".

Polo momento, os resultados dos primeiros informes avaliados confirman a viabilidade do cambio de modelo de xestión, mesmo con vantaxes económicas para o servizo, ao tempo que se mellorarían as condicións laborais do persoal dos parques contra incendios ademais de ofrecer un servizo público na súa totalidade.

Nunha rolda de prensa conxunta, os representantes das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra informaron dos avances dados na nova xuntanza que camiñan, segundo dixo a vicepresidenta da Coruña, Goretti Sanmartín, "na liña da xestión directa".

INFORME DIFERENTES

"Temos informes que manexan datos distintos e parten de situacións diferentes tanto a respecto da situación laboral inicial como das condicións nas que se fixeron as concesións no seu momento, hai disparidade entre as tres deputacións polo que puxemos sobre a mesa a necesidade de crear unha comisión ténica que avaliase e intentase unificar esa diversidade dos tres consorcios", destacaron.