As Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo responden á Xunta e piden diálogo sobre o futuro dos GES

Pontevedra
05 de decembro 2021

As entidades emitiron este sábado un comunicado conxunto no que insisten en que na reunión da comisión de seguimento dos GES celebrada este venres coa Xunta de Galicia volveron garantir o seu apoio á prestación do servizo, así como a súa firme vontade de avanzar no deseño dun novo modelo de funcionamento

Visita de Rueda ao GES de Sanxenxo
Visita de Rueda ao GES de Sanxenxo / Xunta de Galicia

As Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo emitiron este sábado un comunicado conxunto no que insisten en que na reunión da comisión de seguimento dos GES celebrada este venres coa Xunta de Galicia volveron garantir o seu apoio á prestación do servizo, así como a súa firme vontade de avanzar no deseño dun novo modelo de funcionamento. 

Os tres organismos provincias responden desta maneira á crítica formulada o venres pola Xunta de Galicia e subliñan que non se trata de poñer en cuestión o servizo, senón de mellorar o sistema de prestación.

Segundo sinalan no comunicado, os entes provinciais coincidiron en apostar pola substitución do actual modelo por outro que avance na profesionalización dos GES e que modifique o actual marco laboral do persoal.

Neste sentido, aseguran que na reunión propuxéronlle á Xunta de Galicia prorrogar por un ano o convenio actual, en vigor ata finais deste 2021, e durante ese tempo buscar e consensuar, dende a lealdade institucional, un novo modelo que garanta un servizo profesionalizado e que evite a fraude na contratación por parte dos concellos por mor do incumprimento da lexislación laboral, tal e como xa acreditan reiteradas sentenzas xudiciais. Estes ditames, segundo sinalan, demostran que non é posible manter un sistema que leva a perpetuar vicios e irregularidades que se coñecen de antemán.

En canto ao financiamento, os representantes das Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo sinalan que lembraron que as administracións provinciais duplicaron as súas contribucións porcentuais no período 2019-2021, polo que reclaman que o modelo non supoña novos incrementos. Neses anos, a contribución provincial pasou de significar o 20% do orzamento dos GES ata chegar a un 40%, mentres a Xunta reducía a súa participación do 60 ó 52%.

Os tres entes provinciais reclamaron á Xunta que acabe cos intentos de imposición e que adopte unha actitude de diálogo porque todo convenio de colaboración leva implícito un acordo entre as partes. Tamén reclaman que o Goberno autonómico teña en conta a opinión e a vontade dos concellos, e que non tome decisións unilaterais.

Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra lembrou o desexo de que o grupo de emerxencias do Grove se incorpore ó sistema GES en igualdade de condicións, como un GES completo de 12 membros.