As directoras das residencias da terceira idade de Pontevedra mantiñan un encontro na mañá deste 21 de maio no Concello de Pontevedra co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e coa concelleira Carmen Fouces neste momento de baixada da tensión que se mantivo durante estas últimas semanas debido á pandemia da COVID-19.
Pontevedra non rexistrou ningún caso de contaxio nin de falecemento pola enfermidade do coronavirus durante estes meses nestes centros de maiores, segundo manifestaban María Teresa Caneda Triñanes, directora-administradora da residencia de maiores de Campolongo; Rocío Pidre e Concha Ocampo, directora e doutora da residencia Soremay e Lucía Saborido, directora da residencia Saraiva este xoves.
Unha circunstancia que o alcalde de Pontevedra entende que non é unha casualidade e que manifestou que "ten moito que ver coa profesionalidade e con manter as medidas de seguridade e con estar en contacto coa xerencia da área sanitaria de Pontevedra desde o primeiro momento, para o intercambio de información e de impresións para tomar as mellores medidas posibles".
Desde o Concello de Pontevedra ofreceuse a máxima colaboración no coidado e traballo de limpeza e desinfección das zonas próximas aos centros de maiores, ademais de desenvolver unha labora de apoio en cuestións relacionadas coa seguridade.
Lores comprometeuse a que axentes da Policía Local ou integrantes de Protección Civil axudarán nas tarefas que permitan garantir as distancias de seguridade nos espazos públicos próximos ás residencias. Neste sentido, o alcalde fixo un chamamento á cidadanía para que teña en conta que as persoas maiores comezarán a saír das residencias, despois de dous meses e medio, e é necesario que teñan a estar persoas en consideración.
A residencia de maiores de Campolongo conta actualmente con 95 residentes e 98 traballadores; mentres que a de Soremay ten a 82 maiores e Saraiva, 38. As directoras dos tres centros agradeceron a colaboración por parte das familias ao minimizar o risco de contaxio e desde o primeiro día asumir que non podían realizar visitas.
María Teresa Caneda relataba que durante os primeiros días había unha sensación de medo e de incerteza xeral, pero o persoal do centro de Campolongo tivo unha actitude "extraordinaria". Sinalaba que moitos traballadores nin sequera acudían ao supermercado para facer a compra para evitar calquera posibilidade de contaxio cos maiores aos que atendían e que mesmo algúns chegaron a residir noutra vivenda.
Rocío Pidre tamén manifestaba que os maiores teñen moita paciencia e tamén moito "sentido do humor". En canto ao persoal indicaba que na residencia que xestiona foi necesario facer unha reestruturación para que o contacto fose mínimo coas persoas ingresadas e o persoal realizou un gran esforzo para evitar calquera situación de risco.
Pola súa banda, Lucía Saborido agradeceu o labor desde a xerencia da área sanitaria coa que mantiveron reunións para coordinar o traballo. En todo caso, as tres directoras lembraron que o temor continúa e é necesario que "se fagan as cousas ben".
No proceso de desescalada, as directoras dos tres centros indicaban que o réxime de visitas realizarase de maneira progresiva a partir da última semana de maio e tamén se comezará a permitir que os maiores que se atopan nos centros comecen a realizar paseos e a saír das instalacións.