As dúas liñas de transporte urbano operarán desde o 1 de xuño e pasarán cada media hora

Pontevedra
16 de marzo 2021

Cada unha das dúas liñas terá unha frecuencia de media hora, aínda que en Monte Porreiro, o punto no que se cruzarán ambas as liñas, pasará un autobús cada quince minutos. Está pendente de definirse o custo para o usuario. Segundo o Concello, a maioría pagará menos dun euro por viaxe

Autobús de transporte público
Autobús de transporte público / Mónica Patxot

A partir do próximo 1 de xuño, Pontevedra estreará o seu novo sistema de transporte urbano. As dúas liñas circulares que percorrerán a cidade entrarán en funcionamento, segundo as previsións que manexa o goberno municipal pontevedrés.

O edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, sinalou que o convenio entre o Concello e a Xunta de Galicia xa está pechado. "Hoxe é un día importante", recoñeceu, xa que as negociacións entre ambas as administracións "chegaron a bo porto".

Pontevedra terá, segundo o concelleiro do BNG, un transporte urbano "adaptado á nosa realidade" que unirá os principais puntos de "atracción peonil" e farao de maneira "respectuosa" co seu deseño urbano, retirando os autobuses do centro da cidade.

Estas dúas liñas permitirán, entre outras cuestións, que haxa unha maior frecuencia de autobuses cara o hospital de Montecelo ou que o barrio de Monte Porreiro estea mellor conectado co resto do núcleo urbano de Pontevedra.

Cada unha das dúas liñas terá unha frecuencia de media hora, aínda que en Monte Porreiro, o punto no que se cruzarán ambas as liñas, pasará un autobús cada quince minutos.

A primeira destas liñas será a que percorra o trazado Monte Porreiro-Xunqueira-estación de autobuses/ferrocarril. Será a coñecida como liña 1 ou "liña verde" e arrancará da estación de autobuses.

A continuación, os autobuses pasarán por Campolongo a través de María Victoria Moreno e Manuel del Palacio antes de percorrer todo Beiramar e rodear o Recinto Feiral. Subirá cara Monte Porreiro pola Seca e Os Campos, tras pasar polo CGTD.

A volta, desde a Rúa Alemaña, rodeará todo o barrio de Monte Porreiro antes de iniciar a súa marcha por un trazado practicamente idéntico ao da ida, a excepción do paso polo CGTD, xa que os autobuses irán cara a Xunqueira por José Malvar.

A "liña azul" ou liña 2, Monte Porreiro-Montecelo-Praza de Galicia, terá inicio e final no intercambiador da Praza de Galicia. Tras pasar por Campolongo a través de María Victoria Moreno e a estación de autobuses, o trazado irá por Doce de novembro cara os xulgados.

A continuación, os seguintes pasos dos autobuses serán a futura Avenida Virxinia Pereira, o cemiterio de San Amaro, a cidade infantil Príncipe Felipe e o hospital Montecelo, antes de dirixirse cara Monte Porreiro de novo por Os Campos.

Tras completar o percorrido, que chegará tamén ata a Rúa Alemaña, o traxecto de volta volverá rodear todo o barrio e regresará cara Montecelo. A única diferenza coa ida é que, no canto de ir cara á Parda, baixará pola Avenida de Lugo e Loureiro Crespo antes de conectar con Doce de novembro e dirixirse cara a estación e a Praza de Galicia.

Cada unha das paradas estará sinalizada e terá información detallada deste novo sistema.

Con respecto ao custo que terá para os usuarios, Demetrio Gómez asegurou que está pendente de definirse aínda que garantiu que para a maioría das persoas que utilicen este servizo o prezo de cada viaxe será inferior a un euro.

Para sufragar este servizo, o Concello abonará uns 146.000 euros anuais, unha cantidade que segundo destacou Demetrio Gómez, é "extraordinariamente baixa" con respecto ao que pagan outras cidades por servizos similares.

Ademais, en virtude deste convenio, a Xunta de Galicia comprométese a colaborar na posta en marcha do transporte a demanda en Pontevedra que formará parte, no horizonte de 2023, dun sistema "integral" de transporte público no que estas dúas liñas circulares son a "primeira peza", destacou o responsable municipal de Mobilidade.