As eleccións xerais do 26 de xuño virán acompañadas de pequenas variacións nos colexios electorais do Concello de Pontevedra. Todas elas adóptase para cumprir coa normativa de accesibilidade, segundo sinalan desde o goberno municipal, así como para prestar máis servizos.
O número de urnas electorais mantéñense en 106 xa que algúns casos redúcense a unha e noutros casos amplíanse a dúas, como pode ser en Alba.
Así, en Alba ata o de agora o colexio electoral era no Teleclub de Alba que tiña importantes deficiencias de accesibilidade e, incluso, de servizos, polo que se propón crear dous colexios electorais: un no Centro Social da Devesa para os lugares de O Bispo, A Devesa, Lampreeira e San Caetano; e outro no Centro Cultural de Reiriz, para os lugares de Guxilde, Pontecabras, Rairiz e Touceda.
Ademais, créanse estes dous colexios electorais dado que a parroquia de Alba ten dous núcleos ben diferenciados (un cara a estrada de Vilagarcía e outro cara a estrada de Santiago) que están bastante distantes uns dos outros.
En Cerponzóns, o colexio electoral estaba na Casa Reitoral e pasa ao Centro Social de Meán; mentres que en Salcedo había dous colexios electorais nos respectivos colexios de Igrexa e Cabanas, que se fusionan nun só, que estará situado na Casa Verde (o novo local social) xa que é un centro novo, accesible en todos os seus servizos.
Na cidade, os electores das seccións 008 e 016 do distrito 02 tiñan os colexios electorais na Residencia de Estudantes de Caixanova e tamén na delegación de Sanidade da avenida de Vigo e agora o novo colexio electoral está no IES Frei Martín Sarmiento; mentres que os da sección 004, que votaban no colexio de Barcelos, pasarán ao Arquivo Provincial.