As ETT prevén 2.650 contratacións na provincia para as rebaixas de xaneiro

Pontevedra
06 de xaneiro 2019

O maior incremento das contratacións corresponderá ao sector do transporte (un 20%), un efecto vinculado ao impacto do comercio electrónico

Tenda en rebaixas
Tenda en rebaixas / PontevedraViva

Segundo asegura a empresa de traballo temporal Adecco as rebaixas de xaneiro xerarán 2.650 contratacións na provincia de Pontevedra. No conxunto do Estado prevese un aumento do 4,1%, ata os 122.900 contratos.

O maior incremento das contratacións corresponderá ao sector do transporte (un 20%), un efecto vinculado ao impacto do comercio electrónico

Igualmente Randstad móstrase optimistas cun ascenso do 7,6% nas contratacións en Galicia, ata as 9.700.

Aínda que tras a liberalización do período de rebaixas a lei permite facer descontos en calquera momento do ano, o certo é que cada vez son máis os establecementos do sector téxtil que, empuxados polas grandes cadeas e marcas internacionais, adiantan as ofertas ao arranque de ano sen esperar á data tradicional, o 7 de xaneiro, despois de Reis. Tamén o Nadal arrinca a finais de novembro co Black friday.

Na cidade do Lérez un elemento dinamizador das vendas será a XVI edición de Stock Pontevedra, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de febreiro, no Recinto feiral. Serán 4.500 metros cadrados de exposición dedicados a liquidar produtos en stock, oportunidades e ofertas especiais.