Presentar formalmente a querela no consulado de Arxentina durante o mes de febreiro. É o horizonte no que traballan as familias Bóveda, Caamaño e Paz que mantiveron xa a primeira reunión cos avogados que tramitarán a adhesión ao procedemento aberto no país suramericano contra os crimes do franquismo.
O encontro serviu de primeira toma de contacto para iniciar a formalización da querela. Así, ordenáronse os pasos a dar e aclarouse a documentación e tarefas preliminares necesarias para que as familias poidan reclamar por toda a represión sufrida durante a ditadura.
Os avogados suxeriron a posibilidade de que as familias reclamen polos asasinatos e as incautacións de bens non só vía querela arxentina, senón tamén cunha querela ante os xulgados españois -xa que non son excluíntes-, algo que será valorado polos afectados.
O equipo legal recoñece que a vía xudicial interna ten moitos visos de ser arquivada de inicio, pero explicaron que o seu interese radica en esgotar os pasos na xudicatura estatal para acudir finalmente á vía internacional, onde si se están a admitir as reclamacións.
No caso das familias Bóveda, Caamaño e Paz, serán elas mesmas e os colectivos da memoria as encargadas de reunir a documentación que servirá como proba de base para presentar as querelas.
Como punto de partida, deberán dispoñer das partidas de nacemento e falecemento dos asasinados, sendo moito máis concluíntes se os fusilamentos se ordenaron despois dun proceso de axustizamento, como así foi nos tres casos.
O máis complexo, en todo caso, será a investigación sobre as propiedades incautadas.
Outro dos elementos importantes, no caso das querelas na xustiza española, será aportar un informe pericial que explique detalladamente a singularidade do momento no que se produciron as mortes, para que así os fusilamentos teñan consideración de crimes de lesa humanidade, que deben estar situados nun contexto histórico de represión.
Toda esta investigación das familias, que deberá consultar arquivos en concellos, comisarías ou cárceres e loitar contra o pouco coidado coa documentación destes temas, farase de xeito paralelo ao labor dos avogados que, en equipos de tres ou catro letrados por querela, porán a andar os procedementos de maneira oficial a vindeira semana cos escritos iniciais.
MÁIS FAMILIAS ÚNENSE A ESTE PROCEDEMENTO
A iniciativa destas familias está a producir un efecto chamada e, en menos dun mes, outras sete familias teñen iniciado os trámites en firme -chegando a dez expedientes en total-, e outras oito amosaron o seu interese por tomar o mesmo camiño.
Dado o importante número de familias que están pensando unirse á querela arxentina, a Deputación de Pontevedra está a traballar para unir máis avogados á causa, así como tamén a procuradores. Todos eles fan un traballo desinteresado, facendo todo o labor de balde.